Partido Popular de Lugo

A mala xestión do goberno local deixa ao Concello de Viveiro sen a subvención para acometer as obras de mellora nas beirarrúas e nas redes de auga e sumidoiros en Magazos

Unha vez máis, a probada incapacidade de xestión do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro, prexudica directamente a veciños de Viveiro. Así o sinala o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que explica que, por facer os trámites a destempo, o Concello perdeu a subvención a que optou para acometer a obra de  reposición de pavimentos nas beirarrúas, rede de sumidoiros e rede de abastecemento de auga de Magazos-Viveiro.

 

O importe da obra, para a que o Concello non recibirá a subvención e que, polo tanto, non poderá ser executada por agora, é de 94.261 euros. A axuda solicitada era de concorrencia non competitiva, do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, para concellos cuxo territorio municipal se atopa dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e para os afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

 

Óscar Rodríguez sinala: “Este é un exemplo ben claro de como a falta de xestión do goberno local vai en prexuízo dos intereses dos veciños de Viveiro, neste caso dos de Magazos, que terán que seguir soportando as deficiencias das infraestruturas hidráulicas que se pretendían subsanar con esta obra”.

 

O portavoz municipal do PP lembra que as melloras que están previstas en Magazos foron aprobadas por unanimidade no pleno da corporación municipal. “Para unha vez que hai acordo unánime, porque os veciños necesitan esas obras, o goberno local é incapaz de conseguir unha subvención que tiña totalmente ao seu alcance só con facer as cousas a tempo, dentro dos prazos establecidos”. Rodríguez lembra que Viveiro quedou fóra incluso dalgúns planes da Deputación, pese a que a alcaldesa forma parte do goberno provincial, presidido por José Tomé.