Partido Popular de Lugo

Teixido agarda a colaboración da Xunta para o desenvolvemento da senda peonil e ciclista entre Parga e o Mesón da Cabra

O voceiro popular de Guitiriz, Xosé María Teixido, visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a zona entre o núcleo de Parga e o Mesón da Cabra, na estrada LU-242, onde o anterior goberno municipal do PP solicitara á Xunta a execución dunha senda de 1,2 quilómetros.

 

Teixido agarda que, na habitual liña de colaboración do Goberno galego, a Xunta avance neste proxecto que considera de interese para dotar dun “espazo seguro para peóns e ciclistas á beira desta estrada”. O popular engade que “a senda permitiría aos veciños pasear máis comodamente pola zona e tamén contribuiría a mellorar a seguridade das persoas que se achegan camiñando á feira de Parga”.

 

O proxecto inclúese no Plan de Sendas da Terra Chá co que o Goberno galego pretende ofrecer sendas seguras e integradas na paisaxe que faciliten aos veciños a mobilidade e, polo tanto, contribúan tamén a fomentar hábitos saudables e o uso de medios de transporte menos contaminantes.

 

Mellora de sendas para o benestar dos veciños

A Xunta ten colaborado na mellora de infraestruturas en espazos naturais do noso municipio como é o caso do paseo do Boedo, unha vía moi empregada por peóns e ciclistas na zona do balneario e o campo de fútbol, ao que tamén dirixira unha axuda no ano 2016 co obxectivo de mellorar os servizos públicos aos nosos veciños e contribuír ao seu benestar.