O Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba critica “a nefasta xestión do goberno local sobre a situación do contrato de limpeza dos centros escolares” á que agora se une “a negativa, de facto, da alcaldesa a comparecer en pleno sobre este asunto”. Os populares sinalan que “a alcaldesa dixo que si comparecería, pero en realidade non o fará, polo menos, ata que remate o actual curso escolar”.
Os populares explican que “o goberno local prorrogoulle o contrato da limpeza destes centros á empresa adxudicataria a pesar de ser coñecedores da súa situación de inestabilidade económica”. E “a súa desidia deixa ás traballadoras da limpeza nunha situación excepcional” porque “ou deixan de traballar e, polo tanto, perderían os seus dereitos laborais ou seguen traballando, pero sen cobrar o seu salario”. De feito, a alcaldesa pasoulle a palabra a outro concelleiro do goberno que recoñeceu no pleno que “serán as mesmas traballadoras as que sigan a realizar eses labores durante o que queda de curso”.
O voceiro do PP na corporación, Agustín Baamonde, lamenta así mesmo o “escurantismo” do goberno local en relación á licitación para a adxudicación dun novo contrato iniciado a mediados do presente curso “sen dar conta de información de ningunha clase á corporación” sobre este procedemento. Así mesmo, sinala que “o goberno local puido ter sacado a licitación un novo contrato da limpeza antes de iniciar as clases e non a mediados do curso”. E, da mesma maneira, cre que “o momento de buscar unha solución ao problema, tal e como dixeron durante o pleno que estaban a facer dende o goberno local, era ao inicio do curso. Agora chegan tarde”.
Dende o Grupo Municipal Popular lamentan, por outra banda, que “a alcaldesa tampouco queira dar explicacións sobre o proceso de concesión de axudas á hostalería e ao comercio de Vilalba para paliar os efectos da crise derivada da pandemia da covid-19 porque tamén se remitiu ao vindeira sesión plenaria que se debe celebrar dentro de dous meses”. Os populares cren que “neste pleno apreciamos aínda máis a incapacidade para gobernar do executivo local socialista que está deixando pasar as cousas sen implicarse nin mollarse en nada”.
“O único que fai o goberno local é tirar balóns fóra”
“A incompetencia do goberno municipal por liderar os temas de relevancia para Vilalba que o propio PSOE levaba no seu programa electoral queda reflectida no seu rexeitamento á elaboración dun proxecto serio e rigoroso que permita ao Concello captar fondos europeos para a posta en marcha dun centro de día integrado nun novo modelo asistencial que responda ás necesidades plantexadas durante a pandemia”, segundo explica o voceiro. “O goberno local tira balóns fóra e négase a aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation. É inconcibible o desleixo e a falta de xestión por parte do goberno municipal socialista que o único que está a facer é dimitir das súas responsabilidades e delegar na Xunta a resolución dos problemas de Vilalba como é tamén o caso da depuradora, o polígono industrial ou mesmo o servizo de axuda no fogar para o que o Goberno galego dirixiu ao noso municipio 1,8 millóns de euros no ano 2020”.