O Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba proporán pleno deste xoves que o Concello desenvolva “coa máxima urxencia” os medios técnicos e materiais precisos para a elaboración dun proxecto “serio e rigoroso” que permita optar á captación de recursos do plan de fondos europeos de recuperación Next Generation de cara á construción dun centro de día “inserido nun novo modelo asistencial de atención a persoas maiores que dea resposta ás novas necesidades que se presentan a consecuencia da pandemia da covid-19”. Igualmente, a iniciativa do Grupo do PP recolle a convocatoria de todas forzas políticas e o tecido social de Vilalba instando á súa colaboración e a facer efectiva a solicitude oportuna para a participación no reparto dos referidos fondos cando se abra o proceso a tales efectos.
Os populares agardan o apoio do goberno local a esta proposta tendo en conta que “o PSOE reclamaba insistentemente dende a oposición a súa construción e mesmo o converteron nun dos eixos fundamentais da súa última campaña electoral”. Con todo, lamentan que “unha vez que accedeu ao goberno, igual que fixo con outras cuestións do seu programa, parece ter esquecido o tema e nin quere sequera saber nada sobre o centro de día máis aló de reclamarlle á Xunta de Galicia que lle saque as castañas do lume, nunha clara e nova demostración de abandono de funcións e de incapacidade política ao respecto”.
Dende o Grupo Municipal do PP explican que “se o Concello quere optar aos fondos europeos, debe solicitalos. E para iso é preciso preparar un proxecto serio, interesante e atractivo “En lugar de botar balóns fóra, o que debe facer un equipo de goberno que se prece será poñerse ao fronte da iniciativa, exercer o protagonismo, convocar ás forzas políticas e sociais de Vilalba e preparar un plan digno para o fin que se persegue. Se así o fai, cumprirá co seu deber; do contrario, a súa incapacidade quedará retratada para sempre”, manifestan.
Para os populares “as circunstancias tráxicas da pandemia da COVID-19 brindan unha oportunidade extraordinaria para dotar a Vilalba do referido servizo, a través do plan de fondos europeos de recuperación Next Generation habilitado pola Unión Europea”. Trátase dunha “oportunidade única para acometer un proxecto ambicioso que permita camiñar cara a un novo modelo de prestación que supere ao actual sistema que, como demostraron precisamente as consecuencias da propia pandemia, non ten viabilidade no futuro próximo. Isto mesmo soubo velo o Sindicato Labrego Galego que en días pasados chamaba a atención ao respecto”, sinalan.
Coidado do Paseo dos Soños e alumeado para a rúa da Emigración e da Feira
Os concelleiros populares solicitan que o Concello manteña coidado e en bo estado do Paseo dos Soños, “un paseo fluvial e literario á beira do río Madalena onde os paseantes poden fozar da singular mestura de arte e cultura coa natureza”.
Así mesmo, recollen as queixas dos veciños da rúa da Emigración e da rúa da Feira en relación aos problemas co alumeado público e solicitan ao goberno local que estas zonas sexan incluídas no Plan de Renovación do Alumeado Municipal.