Partido Popular de Lugo

Katy Varela: “Tomé sabe que o abastecemento de auga é o problema máis gordo de Monforte e leva seis anos sen darlle unha solución”

“Tomé sabe que o abastecemento de auga é o problema máis gordo de Monforte e leva seis anos sen darlle unha solución”. Así de contundente o expón a voceira do Partido Popular da cidade do Cabe, Katy Varela, logo de que o propio rexedor recoñecese publicamente que as roturas nas tubaxes veñen de vello e descargase a responsabilidade da súa mellora na empresa adxudicataria, eludindo así a súa responsabilidade sobre esta materia, malia ser esta unha competencia municipal.

 

“O desentendemento é total”, afirma Varela, “pois garantir o subministro é unha competencia do Concello”. Precisamente, remarca a popular, “se o alcalde detecta fallos na rede é a súa obriga garantir o seu servizo; o resto, son escusas lamentables para eludir o que consideramos unha falta de xestión e de previsión por parte do socialista”, insiste.

 

“O problema podería estar resolto”

Logo do corte producido na parroquia de Reigada estes días, considera que se pon de relevo que “dende o PP tiñamos razón”. “Levamos tempo e mesmo anos expoñendo a necesidade de que se acometa a mellora integral na rede de abastecemento, pero o alcalde, dando continuidade á súa prepotencia, nunca nos escoitou. Se esta planificación da que fala a fixese cando tomou posesión, en 2015, o problema estaría así resolto”, afirma.

 

“Non garante aos veciños os servizos máis básicos”

A popular lamenta que o Concello prosiga así coa súa política de “parche sobre parche” no canto de “atallar a situación” que, “sumada ao problema de augas pluviais e de limpeza dos regatos, o Sr. Tomé está convertendo a Monforte nun municipio que non garante aos veciños os servizos máis básicos”.

 

“A lei deixa ben claro que tanto o abastecemento de auga como o saneamento e o tratamento de augas residuais son competencias exclusivamente municipais, polo que, ademais de ser un deber legal, debería de ser unha responsabilidade ética e moral non ten a centos de familia sen auga corrente na casa continuamente”, sentencia.