A sesión plenaria celebrada esta mañá pola corporación provincial demostrou unha vez máis que o goberno presidido por José Tomé ten unha incapacidade insuperable para a xestión. Tamén quedou demostrado novamente que o bigoberno (PSOE-PP) ten moito máis interese en frear as iniciativas que presenta o PP, por boas que sexan para a provincia, que en conseguir mellores niveis de vida para os lucenses. Así o sinalou o portavoz provincial, Javier Castiñeira, á saída da sesión: “Unha vez máis, no pleno de hoxe demostrouse que Tomé e o seu equipo son incapaces de gobernar esta Deputación, e que teñen tanto medo do PP que rexeitan todas as propostas populares. O caso máis grave, moi grave, é o intento de pasar a xestión das residencias á Xunta, pese a que critican o modelo autonómico. É grave pola imaxe que están dando e pola incerteza que crean aos usuarios”.
Castiñeira lamenta a falta de cintura política que demostra o goberno provincial, que fai que sexa incapaz de apoiar iniciativas defendidas polo Partido Popular aínda que sexan de gran interese para os lucenses. O portavoz popular sinalou: “E moi grave, tanto dende o propio concepto de democracia como no que se refire a gobernar pensando no benestar dos lucenses, que todo o que propón o PP sexa votado en contra polo bigoberno. Tanto PSOE como BNG póñense de acordo para votar en contra das propostas do PP por moi positivas que sexan para a provincia de Lugo, especialmente no eido económico”. Explicou: “Neste caso, o PP presentou dúas mocións. Unha delas era para que a Deputación deseñase un plan de solo industrial para o rural, que sería moi positivo para a recuperación económica; votaron non e deixaron claro que non consideran que dispoñer de solo industrial sexa importante para a recuperación da economía na provincia”.
Castiñeira sinalou que “a outra proposta que defendeu hoxe o PP foi para evitar que o Goberno, presidido por Pedro Sánchez, suba os impostos a todos os lucenses; tamén neste caso, socialistas e nacionalistas votaron en contra”.
Para os populares, o colmo nesta sesión plenaria chegou cando o PP intentou, por vía de urxencia, defender unha moción para apoiar aos traballadores de Correos. Castiñeira explicou: “Foron os sindicatos os que nos solicitaron nunha reunión que lle déramos ese apoio; ao no incluír na orde do día o goberno provincial esta proposta como iniciativa propia, presentámola nós por vía de urxencia. Socialistas e nacionalistas votaron non a urxencia e a moción, solicitada polos traballadores de Correos, non foi debatida, e polo tanto non puido ser aprobada no pleno de hoxe. É un caso claro de que o bigoberno provincial pasa como unha apisoadora por riba de todo o que propón o PP por útil que poida ser para a provincia. É lamentable o seguidismo e submisión absoluta do BNG ao Partido Socialista no goberno da Deputación de Lugo”.