A inclusión das persoas con necesidades especiais, e máis se son nenos e nenas, é unha tarefa na que se ten que implicar decididamente toda a sociedade, pero moi sinaladamente a Administración, e, de modo aínda máis especial, os concellos, como institución máis próxima aos cidadáns. Isto é algo que o Concello de Monforte, presidido polo socialista José Tomé, non acaba de entender ou polo menos non entende coa amplitude precisa, segundo considera a portavoz do grupo municipal do PP, Katy Varela.
As bases que rexen a participación no campamento de verán promovido polo Concello de Monforte é un exemplo do dito e por iso o PP defenderá na próxima sesión plenaria unha moción, para “que se modifiquen as bases e se prorrogue o prazo de inscrición, de maneira que se oferten máis prazas para nenos e nenas con necesidades especiais, sen limitacións de necesidade de terceira persoa e se contrate para este cometido o persoal necesario”. Os populares propoñen tamén que “subsidiariamente, no caso de que non se contemple máis número de prazas, que se modifique esa limitación e se flexibilice a participación destes nenos contratando o persoal adecuado para a súa atención”.
Os populares lembran que o Concello anunciou o pasado día 19 a apertura ata o próximo 31 do prazo para inscribirse nos campamentos de verán. A lista de admitidos darase a coñecer o 2 de xuño. A portavoz popular, Katy Varela, remitiu o pasado día 20 un escrito ao alcalde no que lamentaba a escaseza de prazas para nenos e nenas con necesidades especiais. As familias afectadas, sinala Varela, non entenden por que esta limitación de prazas nun ano no que hai máis recursos económicos e no que dende o goberno local se presume de incrementar as prazas ofertadas.
A portavoz popular sinala na moción que, se esta iniciativa se somete finalmente a debate, será porque o alcalde non fixo caso do escrito que lle enviou o pasado día 20. De ser así, “aínda que estamos no último día de prazo para inscribirse e a dous días para a publicación das listas de admitidos”, o goberno municipal, no seu conxunto, e o alcalde, en particular, “está a tempo de pensar nestes nenos e nenas e ofertar máis prazas e contratar persoal para a súa atención nestes campamentos”. Varela di que “non se pode presumir de inclusión e na práctica limitar a participación de nenos e nenas neste tipo de actividades”.