Partido Popular de Lugo

O PP de Vilalba propón adaptar a ordenanza das terrazas ás novas esixencias derivadas da covid-19 e insta ao goberno local a axilizar a concesión destas licencias

O Partido Popular de Vilalba considera “urxente” elaborar unha nova ordenanza municipal reguladora das terrazas dos locais de hostalería adaptando a ordenanza da que xa dispón o Concello ás novas esixencias derivadas da situación creada pola pandemia da covid-19 co obxectivo de “ofrecer un marco legal que ampare esta ocupación da vía pública”. Tendo en conta que se potenciou o uso de espazos exteriores na hostalería, a reunión da Comisión de Urbanismo celebrada en xuño do 2020 xa manifestara o compromiso de elaboración dunha regulación específica; pero, “de momento, está pendente de realizar”.

 

Igualmente, a proposta que os populares trasladarán ao vindeiro pleno a través dunha moción recolle tamén a petición de axilizar as licencias municipais, cando proceda, aos demandantes de instalacións de terrazas co obxectivo de “evitar os prexuízos derivados da carencia da mesma” especialmente no actual contexto de crise por mor da pandemia da covid-19. Sinalan que “o Concello esixe unha solicitude acompañada dunha memoria técnica e un plano de situación; pero, se logo non outorga expresamente a licencia, os solicitantes quedan nunha situación que pode supoñerlles prexuízos”.

 

Os populares explicaron esta proposta ao representante da hostalería na asociación de empresarios Sete Pontes, Manuel Silvosa, durante unha reunión coa que continúan a escoitar as demandas e os principais intereses tanto dos sectores produtivos de Vilalba coma dos veciños e veciñas. Neste encontro de traballo a concelleira e presidenta da xestora do PP vilalbés, Sandra Vázquez, o voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde, e o concelleiro Amador Guerra,  recordaron que “o goberno local aínda non deu ningún paso adiante para a convocatoria de axudas directas aos afectados a pesar de que a corporación municipal volveu aprobar a súa posta en marcha nun pleno extraordinario solicitado pola oposición”.

 

Colaboración do Concello coa asociación de empresarios

Recentemente, os populares lembraban tamén a necesidade de asinar un convenio de colaboración entre a asociación de empresarios e o Concello de cara á dinamización económica, tal e como fora acordado no pleno de xullo do ano pasado a iniciativa do Grupo Municipal do PP.

 

Os populares condenan “a imperdoable desidia do actual goberno local” polos dez meses “de silencio e parálise” mentres “a crise económica e social afoga aos pequenos autónomos de Vilalba”. Nese sentido, preguntarán cando vai firmar o Concello o convenio coa asociación Sete Pontes.

 

FIV e festas patronais

Os concelleiros do PP sinalan que “o FIV e as festas patronais de San Ramón e Santa María supoñen revulsivos económicos para os locais de hostalería de Vilalba”. Consideran, polo tanto de interese para os negocios hostaleiros coñecer se o goberno municipal ten previsto celebrar estes dous importantes eventos e, se é así, que datas e formatos valora. Indican que “o Concello comunicaba o 11 de marzo que se descartaba a celebración do FIV nas datas habituais do mes de abril e que se comunicaría en breve a súa ubicación en datas máis próximas ao verán”; pero, polo momento, “non se coñecen máis detalles”.