Partido Popular de Lugo

O PP critica con dureza que a Deputación ofreza como secretaria a Portomarín a muller dun concelleiro socialista e irmá da ex alcaldesa e actual asesora de José Tomé

A Deputación de Lugo ten, entre as súas funcións máis relevantes, a de ofrecer asesoramento técnico e xurídico aos concellos da provincia. É un servizo que precisan especialmente aqueles que menos medios teñen. Á vista de como pretende actuar o presidente da Deputación en relación con Portomarín, queda claro que pretende usar este servizo de maneira caciquil e en defensa dos intereses do Partido Socialista. O PP expresa a súa máis rotunda oposición e anuncia que seguirá moi de cerca este asunto e que pedirá explicacións ao goberno provincial.

 

O viceportavoz do grupo provincial do PP José Antonio García sinala: “No grupo provincial do PP consideramos inaceptable a carta enviada polo presidente da Deputación ao alcalde de Portomarín. Ademais dunha provocación, é unha falta de respecto aos veciños desta localidade. Dicimos isto porque o señor Tomé, ante as dificultades que teñen todos os concellos para conseguir técnicos xurídicos, secretarios e interventores, mandou como posible opción de substitución a este Concello a unha técnica, contratada recentemente polo goberno da Deputación, mediante unha comisión de servizo, dado que a praza desta técnica está fóra de Galicia. Ata aí todo  ben, posto que é un dos servizos que debe dar a Deputación aos concellos. O grave  desta situación é que a técnica que ofreceu o señor Tomé a Portomarín é a muller dun concelleiro socialista  en activo, ademais de ser a irmá da anterior alcaldesa, tamén socialista, que agora é asesora do señor Tomé na Deputación de Lugo”.

 

Para José Antonio García, “é unha verdadeira desvergoña, que, ademais de partidista e interesada, o PP entende que é incompatible por razóns de parentesco”.

 

 Declara: “Por iso dicimos  que é unha auténtica provocación. Este é un novo exemplo de que Tomé está convertendo á Deputación na casa dos socialistas lucenses. Este é un caso grave, posto que afecta aos servizos xurídicos de cooperación cos concellos. É un servizo moi importante que non só ten que ser absolutamente obxectivo, senón que non pode xerar dúbidas sobre a súa obxectividade”.  

 

García engade: “É unha mostra máis de caciquismo do señor Tomé, da súa nefasta xestión laboral e do seu incansable traballo na Deputación de Lugo a prol do Partido Socialista”.