Partido Popular de Lugo

O PP considera que Tomé pretende eliminar a autonomía do conservatorio ao decidir que hoxe o centro non abre por ser Santa Rita

O PP de Monforte de Lemos considera que o alcalde pretende eliminar a autonomía do conservatorio ao decidir de xeito unilateral -como así vén facendo nas últimas semanas- que este venres o centro non abre porque o Concello celebra a festividade de Santa Rita.

 

Esta circunstancia, segundo explica a voceira Katy Varela, está a xerar “un profundo malestar” entre o profesorado, xa que esta é a primeira vez que o conservatorio non imparte clase por tal data. E é que, malia ser de titularidade municipal, o Concello non decide o calendario escolar, senón que é a Xunta de Galicia mediante decreto (adxúntase publicación no DOG. Artigo 7.2). Logo, o Claustro de Profesores e o Consello Escolar adaptan as festividades locais e, unha vez aprobado, envíase unha circular a pais e alumnos.

 

Para os populares a decisión do rexedor resposta “a un Tomé que está máis enrocado ca nunca, pois está a facer un abuso de poder nunca antes visto”. Concretamente, segundo lle trasladaron os docentes a Varela, o de Monforte debe de ser o único conservatorio de Galicia que pecha por mor do festivo da administración local. É dicir, os rapaces van ao colexio pola mañá pero pola tarde non poden asistir ao conservatorio porque así o impuxo o alcalde. De feito, o día que escollían os mestres do centro monfortino como día non lectivo era o día do Ensino, que se celebra no mes de novembro.

 

Os mestres enteráronse unhas horas antes

O “informalismo e despropósito” do alcalde é “aínda máis grave” se se ten e conta que este profesionais se enteraron de que hoxe non podían impartir clase xusto un día antes. “Non nos cremos que os funcionarios do Concello non soubesen que pasaban a festividade de Santa Rita para este venres unhas horas antes, polo que non é de recibo este comportamento cos mestres do Conservatorio”, indica Varela.

 

Para a popular “está claro que detrás de todo isto existe un ensañamento de Tomé Roca con este colectivo que o único que fai é exercer a docencia con moita profesionalidade e responsabilidade. Os comentarios dos alumnos e das familias así o corroboran”, apunta.

 

Diante “esta manía persecutoria” do socialista, Katy Varela advirte que “dende o PP seguiremos estando cos profesores e faremos cantas reclamacións sexan oportunas para que non se lles trate desta maneira, ata o punto de abrirlles expedientes e facelos declarar por usar medios propios para facer o seu traballo”.