Partido Popular de Lugo

Katy Varela traslada en primeira persoa o apoio do PP ao mestre do Conservatorio, citado hoxe para declarar diante o secretario do Concello

O Partido Popular de Monforte traslada todo o seu apoio ao mestre do Conservatorio, que foi citado hoxe para declarar diante do secretario municipal. A súa voceira, Katy Varela, trasladou ao afectado o seu respaldo e o da formación popular, considerando que se trata “dunha inxustiza e dun feito moi desagradable, xa que, por riba, estamos en período de exames e, por tanto, na época de máis traballo para o profesorado”.

 

Para Varela resulta “indignante” o proceder do alcalde, que “foi e é o único responsable de principio a fin deste asunto”. “Os mestres están a pedir algo de sentido común, que o Concello lles proporcione os materiais axeitados para desenvolver o seu traballo e un regulamento axeitado. O que non podemos aceptar, engade a voceira do PP, é este trato”. “Ten que ser moi desagradable ter que render contas diante un secretario dun Concello por algo así”, lamenta a dirixente do PP monfortino.

 

Katy Varela destaca que os mestres deron hoxe “unha lección de campañeirismo, de profesionalidade e de traballo en equipo”, ao arroupar ao seu compañeiro durante a declaración. “Dende o PP felicitámolos. Seguimos á súa disposición e do seu lado, como así lles trasladamos dende o primeiro momento e tamén neste día”. Concretamente, a voceira do PP mantivo unha conversa telefónica co afectado para trasladarlle este apoio.