Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “O BNG queda só no seu rexeitamento á creación dunha comisión de seguimento á herdanza do doutor Moreda e da reforma do asilo”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, sinala que “o BNG se quedou só votando en contra da creación dunha comisión de seguimento tanto da herdanza do doutor Moreda coma das obras de mellora do hospital asilo, que é o fin indicado polo médico ribadense finado en Barcelona no 2019. Co seu voto en contra, opóñense á transparencia sobre a herdanza que é de tódolos ribadense, sobre o proceso de arranxo do asilo e tamén rexeita traballar unidos como corporación de cara ao mellor desenvolvemento destas obras”.

 

O voceiro, Daniel Vega, sinala que “non é entendible que o propio BNG impulsara unha comisión en relación á construción da residencia de maiores de Ribadeo e que agora se negue a crear unha comisión para a mellora do asilo na que participemos todos, sen individualismos”. Por outra banda, o popular traslada o seu agradecemento ao grupo socialista por respaldar e votar a favor da proposta para a que o Grupo Municipal Popular tiña solicitado un pleno extraordinario.

 

O popular recorda que “a comisión estaría integrada por técnicos municipais -de servizos sociais, de valoración e xestión da herdanza e aqueles que traballen no proxecto do asilo-, representantes dos grupos políticos da corporación, das administracións implicadas no proxecto de reforma do asilo -todas aquelas que colaboren con orzamento- e da familia do doutor Moreda, se é preciso”. 

 

Vega engade que “o Grupo Municipal non cesará o seu empeño en buscar financiamento para completar o orzamento preciso para o arranxo do noso hospital asilo”.

 

Facturas pendentes
O Grupo Municipal Popular xa advertira en pleno fai tempo da existencia de facturas pendentes de pago correspondentes ao ano 2019. “Naquel momento o BNG tildounos de mentirosos, pero non era tanta mentira porque agora tivo que aprobar nun pleno extraordinario unha cantidade orzamentaria para pagar esas facturas”, manifestou o voceiro, Daniel Vega.

 

O popular explica que “levan dende o 2019 sen cobrar distintos colectivos, asociacións deportivas e tamén moitos empresarios que fixeron traballos para o Concello e que deberían ter cobrado en tempo e forma”. O Grupo Municipal Popular votou a favor do pago das facturas pendentes por “responsabilidade” e porque, “en determinadas cuestións, debemos estar unidos”.

 

Dinamización da economía local
Tamén apoiaron os concelleiros populares dirixir 150.000 euros á campaña de dinamización do comercio local a través das Panchas. “Este tipo de iniciativas incentivan a economía local; pero seguimos botando en falta axudas directas aos negocios que viron mermados os seus ingresos debido á pandemia como teñen impulsado outros concellos coma Cervo, Viveiro ou Mondoñedo”, segundo manifestou Vega.

 

O popular destacou, neste sentido, a achega de máis de 329.000 euros de axudas directas da Xunta aos hostaleiros ribadenses tanto a través do primeiro plan de rescate coma a través do programa para a mellora das súas terrazas.

 

Vega asegura que “o Grupo Municipal Popular seguirá colaborando cos veciños e co tecido económico da vila porque Ribadeo é o único que nos move”.