Partido Popular de Lugo

Balseiro interésase no Parlamento polos incentivos da Xunta para a adquisición de solo industrial

O deputado lucense do grupo popular, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha pregunta parlamentaria interesándose polos incentivos da Xunta dirixidos á adquisición de solo industrial na provincia de Lugo.

 

O Goberno galego, a través da empresa pública Xestur e do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), entidades dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, veñen de promover un ambicioso proxecto que permitiu sacar á venda a totalidade dos terreos que teñen dispoñibles nos seus polígonos industriais.

 

Na provincia de Lugo en concreto, poderán beneficiarse deste programa, os parques industrias emprazados en 25 municipios lucenses, nos que a Xunta é a propietaria e existen parcelas dispoñibles, circunstancia que se pode consultar actualizada na web de Xestur.

 

Balseiro explica que as empresas interesadas en asentarse na provincia ou ben en ampliar as súas actuais instalacións, teñen tres opcións: acceder á compra deste solo cunha bonificación sobre o prezo de venda, acceder a parcelas na modalidade de dereito de superficie e, como novidade, establécese tamén o acceso ás parcelas en determinados polígonos na modalidade de alugueiro.

 

Lembra o deputado que o solo empresarial resulta un factor de vital importancia para atraer investimentos e permitir a consolidación das actividades empresarias xa emprazadas no territorio.

 

“Sempre, pero de xeito especial neste momento atendendo á situación derivada da pandemia, cómpre promover iniciativas que permitan favorecer a localización de novas industrias e a implantación de actividades económicas que impulsen o desenvolvemento local e a creación de oportunidades de emprego”, explicou Balseiro.

 

Por outra banda, pensando nas empresas e propietarios de parcelas nos parques industrias actuais, Balseiro tamén se interesa pola acollida e funcionamento das medidas especias que adoptou a Xunta para aliviar o impacto da covid sobre o tecido empresarial.

 

Así, por exemplo, “a Xunta acordou a concesión de prórrogas especiais para concluír a edificación da parcela, a extensión do prazo para a compra de solo e exercicio  da opción de compra e dos prazos de carencia nos pagos, entre outras”.