Partido Popular de Lugo

Teixido subliña a achega da Xunta de máis de 66.000 euros para a mellora da rede de saneamento entre as rúas Lagoas e Xermolos en Guitiriz

O voceiro do PP de Guitiriz, Xosé María Teixido, destaca as últimas inversións anunciadas pola  Xunta no municipio. Concretamente, o popular refírese á concesión dunha axuda de máis de 66.000 euros para o proxecto de mellora da rede de saneamento entre a rúa Lagoas e a rúa Xermolos, na localidade de Guitiriz.

 

Teixido subliña que se trata dunha achega correspondente á convocatoria do 2021 do denominado Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dirixido á mellora da urbanización, equipamentos e recuperación de espazos públicos. O popular salienta que “esta actuación contribuirá a mellorar servizos e, polo tanto, redundará na mellora da calidade de vida dos veciños”.

 

Esta liña de axudas do Goberno galego diríxese ao apoio de proxectos de creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes e a distintas actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización de entornos urbanos. É dicir, “a Xunta colabora economicamente coas entidades locais na posta en valor de vilas e núcleos rurais de Galicia”.

 

Modernización da estación de tratamento de auga potable

O voceiro popular recorda tamén o recente convenio asinado entre o Concello e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade polo que a Xunta, a través de Augas de Galicia, achegará un investimento duns 130.000 euros para a modernización da planta potabilizadora municipal. Así mesmo, a Consellería aportará apoio técnico ao Concello na execución das actuacións para completar o proxecto de mellora do funcionamento da estación de auga potable.

 

“A Xunta apoia ao Concello de Guitiriz no desenvolvemento das súas competencias municipais, como é a de garantir o servizo de abastecemento domiciliario de auga potable á poboación”, remarca Teixido.