Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que a Deputación leva máis de dous anos sen renovar os equipos de protección individual do persoal de oficios do servizo de mantemento

O déficit de xestión do goberno provincial fai que fracase incluso cando toma decisións que, en principio, son acertadas. Iso é o que está a pasar co subministro de roupa de traballo na Deputación, no caso do persoal de oficios da unidade de mantemento. O deputado provincial popular Óscar Poy denuncia que estes traballadores levan dous anos sen recibir os correspondentes equipos de protección individual, é dicir, a roupa de traballo. Mentres o resto do persoal da Deputación xa ten as novas prendas, o persoal de oficios segue sen recibilas.

 

Poy destaca que os sindicatos CSIF e Comisións Obreiras presentaron escritos ao goberno provincial para denunciar que o persoal de oficios non recibiu os equipos de protección individual, mentres que o resto dos traballadores si teñen xa a roupa nova de traballo. “É un caso máis que demostra a incapacidade de xestión do goberno provincial, que falla incluso cando parece que acerta. Anteriormente, cada equipo comproba a roupa para os seus traballadores, pero ultimamente o goberno decidiu centralizar as compras, para conseguir mellores prezos; e iso, como non, está ben. O problema está en que ao persoal de mantemento non lle deron a nova roupa. No PP queremos saber que pasa, por que non teñen os equipos de protección individual”.

 

Poy destaca que, como fan constar os sindicatos, o persoal de oficios da Deputación leva máis de dous anos cos mesmos equipos de protección individual, polo que están deteriorados e non cumpren a súa función.