Baixo a denominación ‘X Anos avanzando na sanidade dos lucenses. Por outros X anos de Futuro’, o Partido Popular da provincia conmemorou este luns a primeira década do Hospital Lucus Augusti (HULA), reunindo na sede do partido aos xefes dos principais servizos, quenes disertaron sobre os avances implantados neste centro. Neste senso, a presidenta provincial, Elena Candia, durante o acto no que tamén participaron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o xerente do hospital, Ramón Ares, e a presidenta da Comisión de Sanidade no Parlamento de Galicia, Encarna Amigo, puxo en valor que “detrás dos grandes investimentos en Sanidade nesta provincia está un goberno do PP”.
“Decímolo con total humildade, pero é importante destacalo e que se tome conciencia desta cuestión. En Lugo temos un dos mellores hospitais de España; un hospital moderno, innovador e cun gran potencial profesional que, sen lugar a dúbidas, redunda nunha atención de calidade aos lucenses”, sinalou Candia.
A xornada, sinalou Candia, enmárcase dentro da liña de actuación “que marcamos como proxecto político, para que a xente coñeza de primeira man os avances”, definindo estes encontros “para aprender”. A presidenta provincial agradeceu a participación dos conferencias e máis nomeadamente o traballo de todos os profesionais que prestan o seu servizo no complexo hospitalario, “xestionando momentos tan complicados profesional e humanamente como os vividos coa pandemia”.
Evolución do Hula
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, puxo en valor a evolución do Hospital Lucus Augusti nos últimos 10 anos, coas melloras nas unidades de críticos, rehabilitación cardíaca ou o hospital de día onco-hematolóxico e a posta en marcha do servizo de hemodinámica 24h e dos servizos de radioterapia e medicina nuclear, que será agora reforzado coa incorporación dun equipamento PET de tomografía por emisión de positróns.
Lembrou tamén que se están a executar os Plans Directores dos hospitais comarcais lucenses: mentres na Mariña licitouse xa o proxecto das fases II e III, en Monforte está xa en obras a primeira fase do seu Plan, coa construción dun novo hospital de día oncohematolóxico e a ampliación do servizo de farmacia. Mentres tanto, na atención primaria avanzan tanto a obra do Centro Integral de Saúde de Lugo como do centro de saúde do Saviñao, mentres que o proxecto do novo centro de Antas de Ulla será licitado este mesmo mes.
García Comesaña agradeceu o apoio da Área Sanitaria lucense nas etapas máis duras da pandemia, nas que acolleu pacientes provenientes doutras áreas e destacou a boa situación epidemiolóxica de Galicia, por debaixo da metade da media española de incidencia acumulada. O Conselleiro fixo un chamamento a non baixar a garda para conservar estes bos datos e avanzou que a Xunta manterá medidas prudentes na medida en que sexan ratificadas pola xustiza, lamentando que o Goberno de España deixara ás comunidade autónomas sen ferramentas xurídicas para combater a pandemia “ao non lexislar nin deixar lexislar”.
Na mesma liña, Encarna Amigo apuntou que, “ademais dunha obra de enxeñería de vangarda, debemos recoñecer que non é sinxelo que nunha capital de provincia como a nosa contar con profesionais do nivel que temos nesta cidade”. Precisamente, engadiu Amigo, “contar con tantos servizos punteiros, é o que supón que nos últimos anos o noso hospital obtivese diferentes premios e recoñecemento a nivel nacional”. Por este motivo, dende o PP considerouse importante reunir “a esta mesa plural, formada por profesionais independentes, que non ten que ver con ideoloxías que en Sanidade todos temos que escoitar, aportar e chegar a entendementos, que é o que espera a sociedade de nós”.
Avances sanitarios
Para conmemorar os dez anos da entrada en funcionamento do Hula, o PP congregou a catro recoñecidos doutores e xefes de distintos servizos no complexo lucense. Así, Carlos González Juanatey, xefe de servizo de Cardioloxía, detallou que, a parte das dotacións de Hemodinámica 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia, estanse a aplicar programas como TELEA, sistema View-Lab, Tavi e Ablación de Fibrilación Auricular, HERMES. Este servizo recibiu, ademais, numerosas mencións e premios: acreditación de excelencia da Sociedade Española de Cardioloxía ao Proceso Síndrome Coronario Agudo e da Unidade de Insuficiencia Cardiaca Especializada do Servizo de Cardioloxía; foi finalista dos Premios Best in Class, entre os mellores cinco servizos de cardioloxía de España nas últimas seis edicións; e premio Innova-lugo ao mellor desenvolvemento de páxina web corporativa en 2012.
O doutor Manuel Vázquez Caruncho, xefe de servizo de Radioloxía, Medicina Nuclear e coordinador da unidade de mama, expuxo que o futuro pasa, dende a súa área pola potenciación das seguintes unidades: mama, coa acreditación polas organizacións nacionais e internacionais, cirurxía plástica e continuar coas liñas de investigación no tratamento no operatorio do cancro; radoloxía, coa intelixencia artificial, radioloxía centrada no doente e renovación tecnolóxica; e en medicina nuclear, estabilizar o servizo e medrar, e poñer e marcha o PET e o TAC.
O doutor Sergio Vázquez Estévez, xefe de servizo de Oncoloxía, presidente da Sociedad Oncológica de Galicia (SOG) e vogal da xunta directiva de SOGUG e membro do comité clínico galego; explicou que se levou unha oncoloxía especializada e cun oncólogo de referencia á Mariña e a Monforte, potenciouse o papel de enfermería, creáronse as consultas de NefroOncoloxía, CardioOncoloxía, OncoXeriaría, Nutrición Oncolóxica ou PsicoOncoloxía, dentro do proceso asistencia de coidados continuos e soporte ao servizo e a chegada da Oncoloxía Radioterápica.
A doutora Ana Ferreiro, xefa de servizo de UCI; centrouse en detallar o intenso traballo levado a cabo durante estes meses pola pandemia, destacando que “o traballo que a xestión non só comeza na UCI, senón que comeza dende o primeiro eslabón da cadea; é dicir, dende a plataforma TELEA e a Atención Primaria”. A este respecto, indicou que “xa recuperamos unha actividade non Covid habitual e, no momento actual, convivimos coas dúas realidades dentro da nosa UCI”. Precisamente, sinalou, “na organización e atención da planta para afectados de coronavirus xogou un papel importante Medicina Interna, Neumoloxía e Infecciosas”. “Temos unha unidade preparada para os tempos modernos, garantindo aínda máis se cabe a súa seguridade e a do persoal que traballa con eles de preto”.