Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “Tras unha iniciativa do noso Grupo Municipal comézase a falar dun tema que o BNG quería ocultar”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, explica que “se comeza a falar e poñer luz sobre un tema que o BNG quería ocultar”, en relación á herdanza que o doutor Moreda lle deixou ao Concello coa finalidade de mellorar o hospital asilo de Ribadeo. Trátase “dun tema fundamental para Ribadeo” e “o noso Grupo Municipal é a voz que reivindica transparencia” porque “tódolos ribadenses temos dereito a saber deste tema”.

 

Así o manifesta tras participar na comisión informativa previa ao pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Popular na que os técnicos municipais e o persoal implicado no estudo da herdanza explicaron todos os pasos dados ata o de agora e adiantaron que “faltan moito pasos importantes por dar” porque queda a celebración dun xuízo e a subasta do piso de Ribadeo.

 

Vega avanza que “no pleno extraordinario do vindeiro xoves seguiremos defendendo a constitución dunha comisión de seguimento para coñecer os pasos a seguir en relación á herdanza e aos proxectos para a mellora do asilo. E esta comisión ten que darlle cabida aos técnicos municipais que traballaron ata o de agora e seguen traballando sobre este asunto, aos distintos grupos da corporación municipal, aos representantes da familia e das distintas administracións”. A este respecto, subliña que “é responsable darlle cabida ás administracións ás que se lles pide aportación económica”. E, nesa liña, reitera que “estou empeñado en buscar financiamento para conseguir completar o orzamento preciso para levar a cabo as obras de mellora do noso asilo”.

 

Recoñecemento ao filántropo
Así mesmo, o voceiro popular engade que “esta comisión debe ser tamén a encargada de organizar un acto de recoñecemento público a este filántropo por todo o que fixo por Ribadeo e, concretamente, por mellorar a calidade de vida dos  usuarios do hospital asilo”.