Partido Popular de Lugo

Gómez Puente subliña que “a Xunta achega 64.000 euros para as obras de mellora e humanización do centro de San Cosme, o 70% do orzamento”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, remarca que “a Xunta achega 64.000 euros para as  obras de mellora e humanización do centro de San Cosme”. Trátase dun plan da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a mellora da urbanización, equipamentos e recuperación de espazos públicos.

 

O popular pon así en valor “a destacada aportación do Goberno galego de cara ao desenvolvemento deste proxecto para a mellora estética da zona e do que se beneficiarán os nosos veciños”; xa que “supón o 70% do investimento total da actuación”.

 

Gómez Puente subliña “a implicación con Barreiros por parte da Xunta de Galicia que nos últimos tres anos ten aportado máis de 8,4 millóns de euros ao noso municipio para o mantemento de diferentes servizos, o fomento de programas de emprego e igualdade ou en concepto de distintas axudas directas aos veciños”. O popular recorda que, entre outras achegas, “na pasada anualidade, a administración autonómica achegou preto de 208.000 euros ao Concello a través do Fondo de Cooperación Local”. 

 

Axudas á hostalería e ao comercio
O voceiro dos populares no municipio explica tamén que “no ano 2020 profundamente marcado pola pandemia da covid-19, a Xunta respondeu aplicando medidas para a prevención dos contaxios e tamén convocando liñas de axudas aos autónomos e pequenas empresas prexudicadas”. Nese sentido, “o Goberno galego achegou 38.800 euros en axudas correspondentes ao primeiro plan de rescate e 13.000 euros para a dixitalización e modernización do comercio”.