Partido Popular de Lugo

O PP asegura que o Goberno non ten ningún interese en mellorar A-6 entre Lugo e León, a pesares de ser unha obra aprobada por unanimidade no Congreso fai 4 anos

O Partido Popular asegura que o Goberno de Sánchez non ten interese en mellorar a A-6 entre Lugo e León. Así se desprende da resposta emitida por parte do Executivo ás preguntas formulada no Senado polos populares lucenses, a través das que solicitaban a actuación urxente nesta vía que vertebra a provincia coa Meseta.

 

Concretamente, José Manuel Barreiro, Rosa Arza e Manuel Varela, esixían a rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 407 e 480. Os representantes do Partido Popular na Cámara Alta preguntaban ao Ministerio de Transportes cando ten prensado licitar esta obra que fora aprobada por unanimidade no Congreso fai catro anos e que, a día de hoxe, aínda non ten data de licitación. A sorpresa foi, indica Barreiro, logo de visitar a zona xunto á presidenta provincial, Elena Candia, ao alcalde de Baralla, Miguel Capón, e a o resto de compañeiros no Senado, que “a resposta que se nos deu tradúcese en que se non se vai facer nada e, o que é peor, que non teñen interese en facelo”. Con todo, o popular advirte “que non o imos consentir” e que seguirán “presionando” para que o ministerio execute o seu acondicionamento.

 

O estado desta vía ven afectando aos vehículos desde fai anos, pero agraváronse nos últimos tempos debido ás chuvias. O deterioro afecta especialmente ao tramo entre os quilómetros 464 (Neira de Rei, en Baralla) e o 455 (O Cereixal, en Becerreá), que está repleto de mananciais que contribúen a desgastar o pavimento.

 

Túnel de Neira de Rei – saída cara a Baralla e Baleira

Os senadores do PP engaden tamén que xa fai tempo que é imposible circular a 120 km/h por algún dos carrís da autovía”e, na actualidade, debido ás intensas choivas dos meses de xaneiro e febreiro, o firme do trazado entre o túnel de Neira de Rei e a saída a Baralla e Baleira está absolutamente impracticable para o tránsito de vehículos debido aos enormes baches que cruzan a calzada dende un arcén ata o outro en ambas direccións.

 

Os populares advirten de que se o Goberno non se compromete a licitar de forma inmediata a reparación da vía entre os puntos quilométricos 407 e 480; as actuacións que a Dirección General de Carreteras prevé sobre os grandes baches para cando melloren as condicións climatolóxicas, “só serán un parche máis”. E é que, na resposta escrita, só se indica que se está iniciando un expediente para reparar os danos provocados e que o proxecto de rehabilitación estrutural se atopa en fase de redacción.