Partido Popular de Lugo

O Grupo Popular apoia a apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto de Alcoa en San Cibrao

O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insiste ao Goberno central que inicie as negociacións oportunas para liberalizar e abrir ao tráfico comercial o dique norte do porto de Alcoa en San Cibrao e que proceda á creación da Autoridade Portuaria de San Cibrao, segregándoa da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. “Mentres este cambio non se produza, pedimos que se proceda a unha redistribución dos ingresos obtidos a través do porto de San Cibrao, de xeito que revertan na costa de Lugo”, sinalou o deputado popular José Manuel Balseiro.

 

Na súa intervención, Balseiro lembrou que “falamos dunha reivindicación histórica da Mariña e da provincia de Lugo, sobre a que este Parlamento xa se ten pronunciado en múltiples ocasións”, porque “a posta en funcionamento do dique norte do peirao sancibrense representaría un pulo enorme na dinamización do norte galego, xa que serviría para captar novos tráficos que agora se levan a outros portos, como o de Xixón”.

 

“Ao longo destes anos, o PPdeG foi o único grupo político que non mudou de postura, defendendo sempre a apertura do porto de San Cibrao, para o que fixemos un informe específico logo de que o PSOE o anunciase pero nunca chegara a presentalo”, dixo o deputado popular.

 

José Manuel Balseiro concretou que “para nós o prioritario é abrir o peirao norte ao tráfico comercial e, despois, crear a autoridade portuaria”. “De non facelo nesta orde, teríamos unha autoridade portuaria que non xestiona nada porque o porto de San Cibrao é na actualidade unha concesión exclusiva de Alcoa, de xeito que habería unha entidade con gastos e sen funcións”, explicou.

 

Para rematar, o deputado popular lamentou “o cambio de postura adoptado polo PSdeG, logo de que en 1999 defendía a apertura do porto de San Cibrao ao tráfico en xeral pero dez anos despois cuestionaban a súa viabilidade polo impacto sobre Alcoa e os portos máis próximos”. Así mesmo, criticou que o BNG “non fixo nunca nada para acadar esta reivindicación e incluso a súa Consellería de Industria durante o Goberno bipartito anulou o cinto industrial de Alcoa porque querían abrir Morás e non permitían instalar empresas”.