O PP de Monforte de Lemos, que lidera Katy Varela, traslada o seu apoio aos mestres do conservatorio de música Mestre Ibáñez e censura o comportamento “ditatorial” de Tomé.
O enfrontamento entre os profesionais e o socialista saíu á luz pública en días pasados e en vez de ir a mellor, tal e como expón o sindicato Comisións Obreiras, aínda se enquista máis. Por este motivo, Varela pide ao rexedor “que se sente con eles” e, sobre todo, “que abandone as ameazas e os termos autoritarios” relatados por este esta formación.
“Chegar a dicirlles que é capaz de disolver o conservatorio é unha auténtica barbaridade, impropia de calquera alcalde do que depende un servizo tan importante coma este”. A este respecto, Varela pídelle “máis responsabilidade” ao rexedor, xa que “a alguén que sempre presumiu do seu pasado sindicalista, non se lle pode permitir estas faltas de respecto, chegando ata o punto de ameazar con despedilos, iniciando incluso un expediente por incumprimento laboral, redución de haberes e absentismo”.
Feitos “graves e preocupantes”
Ao abeiro dos feitos, que a popular cualifica de “graves e preocupantes”, Varela insta insta ao socialista “a deixar a confrontación e a apostar polo diálogo para chegar a un acordo que beneficie a todos e resolva as feridas abertas”. Refírese así Varela ás cuestións salariais, aos días festivos e que os mestres consideran non lectivos, xa que se acollen ao convenio escolar e ao acordo pactado no seu momento polo equipo de goberno existente, e incluso aos expedientes abertos polo Concello.
Excelente currículo dos profesionais
A voceira do PP monfortino, que recoñece que esta forma de actuar de José Tomé non é un feito illado, agarda que, finalmente, o Concello “teña altura de miras e solucione o problema”, pois “temos un conservatorio, cunha formación e uns mestres dos que nos temos que sentir orgullosos”.
“Teñen un currículo extraordinario, co que ademais o alumnado está moi contento. Por tanto, todo isto está a xerar un malestar innecesario en Monforte cando o conservatorio representa un valor engadido para Monforte e para a cidade a nivel cultural”, conclúe.