Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “Estou empeñado en conseguir fondos para o asilo de Ribadeo”

“Estou empeñado en conseguir fondos para o asilo”. Así o afirma con total rotundidade o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, co fin de que os veciños deste municipio coñezan “de primeira man” que está a traballar “incesantemente” para dotar aos cidadáns deste servizo.

 

Proba delo, é que, en días pasados, promoveron a convocatoria dun pleno extraordinario para que o goberno local explicase a que ten previsto destinar a herdanza do Doutor Moreda, así como concretar as melloras que se deben levar a cabo en ditas instalacións. “Tratábase de poñer luz sobre un asunto que o BNG quería ocultar”, remarcou.

 

Neste senso, expuxo publicamente a relevancia de crear unha comisión técnico-política para buscar a mellor fórmula a un legado “que, defendeu, por riba de todo, pertence á vila de Ribadeo e aos seus habitantes”.

 

“O BNG vive na confrontación constante”

A este respecto, Vega incide na necesidade de coñecer o importe exacto da herdanza, “co fin de porlle luz para saber tamén a cantidade que ten que aportar a Xunta de Galicia”. O popular puxo así en valor que “os proxectos e as inversións só se conseguen coa colaboración institucional e a vontade política. Non como fai o BNG, que vive na confrontación constante, por exemplo, co Goberno galego. O interesante non é a polémica, senón a xestión. Lamentablemente, os nacionalistas priorizan a primeira ante a segunda”, conclúe o voceiro popular.