Partido Popular de Lugo

O PP denuncia o sistemático incumprimento do réxime de sesións plenarias ordinarias no Concello de Foz

Ao principio de cada mandato municipal celébrase unha sesión plenaria  da corporación que se acaba de constituír para decidir, entre outras cuestións, o réxime de reunións do pleno. No caso de Foz, decidiuse que os plenos ordinarios se celebrasen con periodicidade mensual, o último xoves de mes. O portavoz popular, Javier Castiñeira, denuncia que o alcalde, Fran Cajoto, incumpre dito réxime de sesións e convoca os plenos cando a el lle parece oportuno, sen contar para nada co resto dos grupos.

 

Javier Castiñeira explica: “O equipo de goberno de Foz incumpre reiteradamente o ordenamento que hai establecido no pleno de organización, en canto a celebración dos plenos ordinarios, fixados para o último xoves de cada mes. Isto nos últimos meses non se está a facer, de tal maneira que xa é algo extraordinario que se celebren os plenos cando se teñen que celebrar, é dicir, o último xoves de cada mes”.

 

O portavoz popular di que a situación que denuncia obedece única e exclusivamente “á conveniencia do equipo de goberno e do señor alcalde, que non son capaces de organizarse e facer unha boa xestión. Non son capaces de cumprir o que está establecido”. Por elo, “o PP ten que denunciar que non sabe cando son os plenos ordinarios ultimamente e iso non é bo para o funcionamento da corporación”. Un exemplo do que ocorre, explica Castiñeira, “é o que pasou este mes: chegou o xoves  último de mes e non tiñamos orde do día e ninguén se fai responsable de cumprir o ordenamento”. Engade: “É algo que pasa reiteradamente, porque o alcalde colleu o costume de poñer a data do pleno cando a el lle interesa e iso non pode ser”.

 

Os populares esperan que o goberno municipal cambie de actitude. Castiñeira avisa: “É necesaria máis organización, máis colaboración e respecto aos partidos da oposición, que deben terse en conta en todos estes cambios que fai o alcalde motu proprio”.