Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno da Deputación a atender as demandas dos veciños de Láncara e mellorar a estrada provincial LU-P 2702 entre Santalla e Busto, que ten numerosas e graves deficiencias

A medida que os membros do grupo provincial do PP poñen de manifesto as deficiencias das estradas que dependen da Deputación son máis as voces veciñais que denuncian puntos da rede viaria da Deputación nos que son necesarias melloras sen máis demora. No  periplo que están a facer os deputados provinciais populares polas estradas da provincia, onte tocou visitar Láncara, a petición do voceiro municipal popular, Santiago Cubillas, e de veciños; concretamente a estrada provincial LU-P 2702, porque os oito quilómetros que van dende Santalla a Busto están en mal estado, e en Santalla de Lagos é preciso canalizar augas que corren pola calzada.

 

En Santalla de Lagos, debido á deficiente canalización (nalgún tramo inexistente), un regueiro de auga corre pola beira da calzada, e crúzaa polo menos en tres puntos diferentes. Así, créanse situacións de perigo para o tráfico e facilítase o deterioro da calzada.

 

O viceportavoz provincial do PP José Antonio García explica: “O grupo municipal do PP xa levou a pleno esta estrada. Unha vez no ano  2017, mediante unha pregunta, na que se pedía ao goberno municipal explicación de por que hai un vertido de auga directamente a estrada. Naquel momento, o  alcalde tirou de ironía e dixo que a auga corre para abaixo; evidentemente que o fai, pero queremos que o faga polas cunetas e non pola calzada directamente, porque acaba causando danos. Non se fixo ningún caso. Ao pleno de xaneiro de 2020 o portavoz municipal do PP levou un rogo, pedindo o arranxo desta estrada e tampouco se fixo caso”.

 

García sinala: “Os veciños están totalmente enfadados. Comunicaron  este problema ao alcalde e estráñanos que o deputado provincial socialista Pablo Rivera, que ten constancia do mal estado desta estrada, non faga nada e se poña de perfil”.

 

O mesmo representante do PP di: “Láncara apenas ten 38 quilómetros de estradas provinciais, dos cales oito están en mal estado. Entendemos que o propio  deputado provincial socialista, o señor Rivera, e o alcalde deberían instar ao goberno provincial a arranxar esta vía, como piden os veciños, pero prefiren mirar a outras administración,  queixarse doutras administracións.  Neste caso, as estradas autonómicas de Láncara están en bo estado; a que peor está no municipio é esta provincial que vai dende Santalla a Busto, e que os gobernos municipal e provincial non fan nada para arranxala, como piden os veciños”.