Partido Popular de Lugo

O PP vilalbés fía a aprobación do plan de axudas para a hostalería e o comercio á consulta co sector e ao consenso da corporación

Os populares de Vilalba fían a aprobación dun plan de axudas para a hostalería e o comercio local a dous factores: a consulta co sector e o consenso da corporación municipal.

 

O PP aposta por “escoitar ao sector” porque “é o lóxico” e, ademais, “ese foi o acordo que se tomou no Pleno”. Nesa liña, os populares conseguiron que o goberno local se comprometera a falar cos representantes dos sectores afectados e agardan, polo tanto, que participen tamén na comisión para a elaboración do plan municipal de axudas representantes da hostalería e do comercio vilalbés.

 

Dende o Grupo Municipal Popular recordan, por outra banda, que “o goberno local non ten maioría para aprobalo no Pleno e a oposición non pode executar ningún plan sen o goberno”. Tampouco consideran positivo que cada grupo propoña un plan distinto e que ningún se chegue a materializar; senón que avogan polo “consenso” para sacar adiante un plan municipal de apoio á hostalería e o comercio; xa que cren que “é a mellor opción” para os afectados polas medidas para o control da pandemia da covid-19.

 

Os populares congratúlanse dos avances levados a cabo ata agora nas reunións celebradas coa participación dos voceiros dos distintos grupos políticos da corporación de cara á procura dunha solución en beneficio dos que a precisan con urxencia.

 

 

Tramitación sinxela, coma a das axudas da Xunta

Os populares defenden, ademais, un procedemento de tramitación “áxil” para que os beneficiarios cobren o antes posible as axudas do Concello. Nese sentido, poñen como exemplo a axilidade do Goberno da Xunta para a posta en marcha do que é xa o segundo plan de rescate dotado con 75 millóns de euros en axudas directas e cunha tramitación sinxela. O prazo para solicitar as axudas deste plan do Goberno galego dirixido a autónomos, microempresas, sector hostaleiro e sectores non hostaleiros pechados continúa aberto.

 

Co primeiro plan de rescate, a Xunta dirixiu 267.400 euros a 154 negocios hostaleiros de Vilalba.