Partido Popular de Lugo

O PP de Navia de Suarna alerta de que “coa nova traída de auga estamos igual ou peor que antes”

O Grupo Municipal de Navia de Suarna alerta de que “coa nova traída de auga estamos igual ou peor que antes”. E é que, segundo expoñen os populares, os cortes no subministro son continuos. O Concello investiu máis de 100.000 euros na construción dun novo sistema de captación, pero, tal e como expoñen os edís do PP, “non serviron para mellorar a situación que tiñamos”.

 

É por este motivo, polo que dende o Grupo popular se preguntan “que foi exactamente o que fixeron, xa que estamos a falar dunha inversión o suficientemente relevante como para garantir o subministro”. Os populares esixen así ao goberno local que explique os motivos polos que o servizo está a fallar con tanta asiduidade e que busquen unha solución ao problema. 

 

“Levamos un inverno abondoso polo que os cortes non son por sequía. Onte e hoxe pola mañá nin nos puidemos duchar”, Ademais, advirten os populares, os problemas de turbidez tampouco se eliminaron, senón que seguen sendo recorrentes. Isto provoca “serios problemas” aos veciños e tamén aos hostaleiros da localidade que non teñen forma de cociñar nin de lavar os alimentos.