Partido Popular de Lugo

O PP esixe a Tomé que explique aos monfortinos a esperpéntica xestión das frustradas oposicións para a Policía Local que convocou o Concello de Monforte

O goberno municipal presidido por José Tomé volveu conseguir, a conta das probas para cubrir prazas de Policía Local, que Monforte sexa protagonista da actualidade galega. E, como xa é habitual, non por mellorar as súas infraestruturas nin por poñer grandes servizos á disposición dos cidadáns. Tamén esta vez é por un asunto sobre o que pesa a sombra da sospeita e, por riba de todo, a constatación da incapacidade de xestión do goberno presidido por José Tomé. O PP insta ao goberno municipal a dar explicacións aos cidadáns diante do que a portavoz popular, Katy Varela, considera unha xestión incompetente e frustrante para os cidadáns en xeral, pero especialmente para os aspirantes ás prazas de Policía Local.

 

Os populares destacan que o primeiro dato que chamou a atención en distintos sectores, incluídos os sindicais, foi a fecha elixida, porque a primeira das probas coincidía coas convocadas pola Xunta, por medio da Academia Galega de Seguridade Pública. As coincidencias existen, pero en política raramente se dan sen intencionalidade. Varela indica que “houbo quen sacou conclusións que non parecían carecer de sentido e, en todo caso, a sombra da sospeita estivo presente dende o primeiro momento”.

 

Como era previsible, di a portavoz popular, Katy Varela, foron moi poucos, en relación ao número dos que pagaron as correspondentes taxas, os que se presentaron as probas en Monforte. E parece que só dous pasaron a primeira proba. Varela di: “Tamén neste punto, houbo quen quixo ver como se facía máis pesada a sombra da sospeita ao comprobar quen era un dos dous aspirantes que pasaron a proba”.

 

Varela incide en que, como remate do esperpento, “ningún dos dous que aprobaron o primeiro exame foi capaz de superar as probas físicas”.

 

Para os populares, o caso das oposicións convocadas polo Concello de Monforte para cubrir prazas de Policía Local é, en opinión de Katy Varela, un verdadeiro escándalo” no que se refire á xestión e, dende máis dun punto de vista, “un fraude á cidadanía”.  Os populares considera que o Concello debe estudar a posibilidade de devolver o importe das taxas aos aspirantes que non se presentaron as probas.

 

Varela di: “É evidente que os aspirantes confían moito máis na Xunta como administración e, coincidindo as fechas, optaron pola súa convocatoria”. Engade: “É necesario que Tomé dea explicacións sobre este asunto das oposicións á Policía Local, porque hai moitas cousas escuras e os cidadáns teñen dereito a saber”.