Os lucenses residentes na zona rural sofren considerables problemas polo mal estado da maior parte da rede de estradas dependente da Deputación. Desde numerosos puntos da xeografía xorden queixas e protestas, que transmiten as asociacións, pola perigosidade de moitos tramos das estradas provinciais, como vén poñendo reiteradamente de manifesto o grupo do PP. Nesta ocasión, segundo explica o portavoz popular, Javier Castiñeira, recibiu dous escritos de asociacións de veciños de Ferreira de Pantón con queixas polo mal estado de dúas estradas provinciais.
Castiñeira sinala: “Un destes escritos está asinado polos representantes da asociación San Antonio, da parroquia de Santiago de Castillón, que se queixan da perigosidade da LU-P 4111. Din que o estado no que está é perigosísimo e dificulta o acceso ás casas habitadas”. No texto, a asociación indica: “Sen sermos moitos, somos os que quedamos; axúdennos a seguir vivindo aquí; a nosa estrada nunca foi arranxada dende a súa apertura nos anos 80”.
Para o portavoz popular, “é gravísimo que sexa necesaria unha chamada de atención así do rural para ter ben conservadas as vías de comunicación provinciais, necesarias para que poidan vivir onde viviron sempre”. Destaca que “esta é unha queixa máis das moitas que lanzan asociacións de veciños de toda a provincia para que o goberno da Deputación manteña debidamente estas estradas, cousa que non fai”.
O segundo escrito está asinado por dúas asociacións: San Brais, en San Román de Acedre, e Cabalo Branco, de Santiago de Cangas. Castiñeira di: “Tamén falan da perigosidade, neste caso, da LU-P 4110, que está preto da anterior. Piden que se amañe un tramo de 5,5 quilómetros que vai dende Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, a Budián, en San Romao de Acebre”.
O portavoz popular declara: “Os veciños de Ferreira de Pantón piden que se arranxen esas dúas estradas. Acudiremos alí para velas con eles e co propio alcalde e seguiremos demandando un mellor mantemento e unha mellor xestión da rede viaria provincial. Entendemos que o actual delegado de Vías e Obras, que coincide que é o presidente da Deputación, non está a facer o seu traballo e así chegan as queixas”. Engade Castiñeira: “Sabemos que ao señor Tomé o molesta moito que estes asuntos cheguen aos plenos e acábase enfadando e falando de politización, pero os escritos chégannos e o PP está facendo o que non fai o goberno, que é interesarse por esas estradas e demandar o seu arranxo, no órgano competente, no pleno da Deputación, e publicamente, porque as responsabilidades que ten esta institución neste terreo son moitas e non se están atendendo polo bipartito”.