Partido Popular de Lugo

Os deputados por Lugo piden a comparecencia de Ábalos ante o “absoluto abandono e desprezo” do Goberno á A-56

Os deputados populares polas provincias de Lugo – Jaime De Olano e Joaquín García Díez- e Ourense -Celso Delgado e Ana Vázquez- rexistraron unha petición de comparecencia en comisión do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, para que informe sobre que actuacións urxentes adoptará para corrixir a “flagrante situación de abandono na que se atopan os diferentes tramos que conforman a A-56”.

 

Os populares expresan a súa indignación polo “particular desprezo” que o Goberno central está a amosar con esta autovía; actitude que, segundo afirman, “se evidencia na descarada falta de respostas ás peticións de información formuladas polos representantes populares no Congreso, deixando o proxecto desta imprescindible infraestrutura no máis absoluto abandono”.

 

García Díez denuncia así que o Goberno “está a furtar e agochar información con respostas que evitan calquera compromiso, condenando a esta autovía ao esquecemento e convertendo os 8,8 quilómetros do tramo San Martiño-A Barrela, inaugurado o 23 de setembro do pasado ano, nunha mera illa”.

 

O abandono, confirmado nos orzamentos

O abandono da A-56, engadiu o deputado popular, confirmouse coa aprobación dos orzamentos xerais do Estado para 2021, “nos que só figura unha ínfima consignación de 250.000 euros para o tramo Eirasvedras-Quintela; 100.000 máis para o proxecto Quintela-A Casilla e a mesma cantidade para o tramo A Casilla- Cambeo- San Martiño”. Aínda máis grave, di, “é a falta de consignación orzamentaria algunha para os tramos lucenses, incluído o necesario intercambiador das autovías A-54 e A-56 en Guntín”.

 

Lembra García Díez que, tanto no Congreso como no Senado, os parlamentarios populares presentaron un paquete de emendas para elevar as “ridículas” dotacións que tiñan eses tramos, “máis todas foron rexeitadas”.

 

Fronte a este agravio, manifestan que “temos o firme propósito de seguir adoptando cantas iniciativas sexan necesarias para impulsar a tramitación destes tramos, defendendo nas Cortes Xerais as reivindicacións dos alcaldes dos concellos lucenses e ourensáns afectados, así como dos colectivos sociais e empresariais que integran a Plataforma Pro A-56. Un obxectivo no que se enmarca a petición de comparecencia do ministro de Transportes”, afirman.

 

6 preguntas despachadas cunha soa resposta “elusiva e mentireira”

Os deputados populares de Lugo e Ourense rexistraban o 19 de xaneiro de 2021 varias iniciativas parlamentarias para coñecer o estado no que se atopan os tramos que conforman esta autovía.

 

Nestas preguntas sinalaban o seguinte:

 

“A autovía A-56 entre Ourense e Lugo está proxectada como un eixo vertebrador do interior de Galicia e foi planificada como unha vía de nova construción, que parte da autovía Lugo-Santiago en Guntín e chegaría ata  a autovía A-52 en Ourense. A súa construción beneficiaría a 250.000 habitantes.

 

O 23 de setembro de 2020 tivo lugar a posta en servizo do tramo da autovía A-56 entre A Barrela (Carballedo) e San Martiño (Vilamarín), de 8,8 quilómetros nas provincias de Lugo e Ourense.

 

Como é coñecido, este tramo tivo un longo  e  tortuoso  historial; as obras foron adxudicadas polo Ministerio de Fomento o 12 de agosto de 2008. O 22 de xullo de 2010, o entón ministro José Blanco anunciou a rescisión dos contratos de  San Martiño-A Barrela norte e da ligazón. Finalmente, no ano 2014 conseguiuse  evitar a rescisión dos contratos e as obras se retomaron en xullo de 2015, sendo ministra Ana Pastor.

 

Malia a apertura do tramo citado, a preocupación polo futuro desta autovía é moi grande tendo en conta a situación na que se atopan o resto dos tramos, confirmado polas dotacións que o goberno socialista incluíu e non incluíu na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 recentemente aprobados.

 

O Ministerio de Fomento, o 27 de abril de 2010, contestaba a unha pregunta formulada polos hoxe asinantes, que se interesaban pola situación administrativa dos proxectos de todos os tramos da autovía A-56 dicindo: “Os proxectos de trazado de 3 tramos xa foron sometidos a información pública a efectos da Lei de Expropiación Forzosa e foron aprobados definitivamente, estando en redacción os proxectos construtivos e pendentes da súa aprobación. Estes tres tramos son A Barrela-Chantada; Taboada-Narón e Narón-Guntín”. E engadía “que o proxecto de trazado do tramo Chantada-Taboada  foi sometido ao trámite de información pública a efectos da Lei de Expropiación Forzosa sendo aprobado definitivamente segundo o BOE de 2/6/2009 e redactouse o proxecto construtivo que foi aprobado con data 23/10/2009”.

 

Pois  ben, todo indica que o MITMA ten totalmente abandonados estes tramos e por  iso formularon estas seis preguntas, defendendo que Pedro Sánchez invista nesta infraestrutura polo menos o que tiña proxectado o Partido Popular cando gobernaba:

 

  • En qué mes de 2021 concluirá o Goberno a redacción do proxecto do tramo A Casilla-Cambeo da autovía A-56, que acumula unha enorme demora?
  • En qué mes de 2021 concluirá o Goberno a redacción do proxecto do tramo  Cambeo-San Martiño da autovía A-56, que acumula unha enorme demora?
  • En qué situación administrativa e que previsións ten o  MITMA en 2021 para avanzar no tramo da autovía A-56 A Barrela-Chantada?
  • En qué situación administrativa e que previsións ten o MITMA en 2021 para avanzar no tramo da autovía Chantada-Taboada cuxo proxecto construtivo fora aprobado no ano 2009?
  • En qué situación administrativa e que previsións ten o  MITMA en 2021 para avanzar no tramo da autovía A-56 Taboada-Narón?
  • Que pasos deu ata a data e dará en 2021 o Goberno para actualizar o proxecto do intercambiador das autovías A-54  e A-56  e a conexión coas  estradas N-547 e N-540 en Guntín que está englobado dentro do tramo Guntín-Narón da autovía A-56?

 

Con data 24 de febreiro de 2021, o MITMA respondeu do mesmo xeito a estas seis cuestións:

 

En relación co asunto interesado, sinálase que o Goberno, a través do Secretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana na súa intervención na Comisión de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana do Congreso dos Deputados do 29 de outubro de 2020 informou sobre a situación desta infraestrutura.”

 

“Esta resposta é escandalosamente elusiva e ademais mentireira debido a que nos remite a unha comparecencia na Comisión do Congreso, na que o Secretario Xeral de Infraestruturas, que ademais é lucense, non informou absolutamente nada sobre estes concretos tramos da A-56, como se pode comprobar premendo a ligazón ao Diario de Sesións”, remarcan. Isto pode observarse dende as páxinas 22 á 25. https://www.congreso.es/public_oficiales/L14/CONG/DS/CO/DSCD-14-CO-199.PDF