Partido Popular de Lugo

O PP da Fonsagrada propón a creación dunha plataforma dixital para a venda online de produtos das empresas locais

O PP propón que o Concello cree unha plataforma dixital para a venda online de produtos das empresas do municipio da Fonsagrada similar á que puxeron en marcha recentemente outros Concellos coma o de Friol que tamén conta con produtos locais de calidade coma os da Fonsagrada.

 

O portavoz, José Regueiro, recorda que “este ano a Feira do Butelo da Fonsagrada non se puido celebrar debido ás medidas establecidas para a xestión da pandemia da covid-19. E isto supón que os produtores locais perderon un dos seus escaparates para a venda deste produto”. Pero, “do mesmo xeito que a pandemia afectou á celebración das feiras de exaltación de produtos da zona, tamén supuxo certos cambios nos hábitos de compra dando un pulo especial ás canles dixitais que permiten estender as vendas a outros lugares e consumidores máis familiarizados agora coas compras online”, defende. De feito, sinala que “no noso concellos temos exemplos de empresas do sector cárnico que lanzaron con éxito unha iniciativa deste tipo”.

 

Reactivación económica

Regueiro cre que, ante este escenario que se presenta, “o Concello da Fonsagrada non pode quedar á marxe; senón que debe aproveitar as novas posibilidades que ofrece a venda online e apoiar, deste xeito, aos negocios locais aos que lles poida interesar poñer á venda os seus produtos nunha plataforma dixital”. Isto contribuiría, ademais, “á reactivación económica do noso municipio”.

 

 

Sen apoio do goberno local

O popular critica, ao mesmo tempo, que o goberno local rexeitara unha proposta dos populares para establecer axudas á hostalería e a outros negocios afectados polo peches establecidos para o control da pandemia da covid-19. “O goberno socialista amosa pouco compromiso cos sectores económicos do noso concello”, lamenta.