Partido Popular de Lugo

O PP acusa a Tomé de usar a catalogación como BIC da praza do Colexio do Cardeal de Monforte como argumento para manter a súa estéril liña de confrontación con Feijóo

Os concelleiros populares din que “toda a xestión política do alcalde de Monforte, José Tomé, queda limitada a intentar facer oposición ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, mentres a cidade vai esmorecendo”. Os edís do PP ven con preocupación como, de novo, Tomé busca a confrontación coa Xunta esta vez a conta da declaración como BIC da explanada da Compañía.

A portavoz popular, Katy Varela, explica que “a incorporación da praza fronte a fachada principal á declaración BIC do Colexio do Cardeal de Monforte está xustificada ao acreditarse a súa relación histórica e arquitectónica”. Engade que “é un espazo imprescindible para a comprensión e conservación do conxunto que está intimamente ligado a súa historia e valor cultural”.

 

Varela sinala: “A decisión de que a praza forme parte do BIC partiu da Fundación Colegio Nuestra Señora de la Antigua, que presentou alegacións nas que destacaban o relevante papel que xoga esta praza na concepción espacial do conxunto así como as probas documentais de que foi doada pola vila de Monforte ao Cardeal Rodrigo de Castro en 1593”.

 

Os concelleiros populares indican que “a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural estimou que a súa alegación estaba xustificada e que cumpría ampliar a delimitación do BIC incluíndo este espazo importante para a a representatividade e simbolismo de Nosa Señora da Antiga”.

 

Katy Varela lembra que “o Concello de Monforte, que nun primeiro momento non fixo ningunha alegación, manifestou a súa oposición a ampliación da delimitación do monumento  ao considerar que limitaría ou dificultaría a autonomía municipal nos espazos urbanos”. A este respecto, a portavoz popular puntualiza: “Ese argumento carece de peso e máis posto en boca do alcalde de Monforte. É evidente que a eficacia na resolución dos problemas infraestruturais que aparecen na vida da cidade non é a desexable nin alí onde non hai ningún tipo de protección patrimonial. Para a cidade é importante ter bens e espazos considerados BIC e, no caso da Compañía, sería inaudito que a praza non tivera esta consideración”