Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal Popular de Ribadeo entrega libros aos distintos centros educativos do municipio con motivo dos días da Lingua Materna e de Rosalía

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Ribadeo fixeron entrega este xoves de lotes de libros en galego de diversas temáticas nos distintos centros educativos ribadenses adaptados a cada etapa educativa con motivo do Día da Lingua Materna que se conmemora o 21 de febreiro e do Día de Rosalía, conmemorado este mércores, 24 de febreiro, coincidindo co 184 aniversario do nacemento da escritora máis coñecida en galego.

 

A concelleira popular responsable da área de Cultura, Begoña Sanjurjo, sinala que “dende o Grupo Municipal Popular non quixemos deixar pasar esta oportunidade para agasallar libros cos que pretendemos contribuír a que a nosa lingua se manteña e que os nosos nenos e rapaces descubran máis sobre a nosa cultura”.

 

Os libros abordan diversas temáticas sociais e culturais como son a igualdade, o respecto ao diferente, a música ou o Camiño de Santiago e o seu reparto estendeuse a tódolos niveis educativos: dende a Escola Infantil, aos centros de primaria, secundaria e FP como son o CIFP Porta da Auga, a Escola de Pedro Murias ata a Escola de Idiomas ou a Escola de Música e Danza.

 

Os populares tamén fixeron entrega de unidades didácticas nos centros de educación secundaria de cara ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller.