Partido Popular de Lugo

A decisión do alcalde de A Fonsagrada de non cubrir a praza da bibliotecaria conleva a desaparición do servizo de apoio a rapaces con maiores dificultades de aprendizaxe

A Biblioteca municipal de A Fonsagrada leva dous pechada por non contar cun profesional que a atenda. O peor de todo é que a entidade local non ten previsto cubrir esta praza no futuro, segundo lle confirmou o alcalde socialista a voceiro do PP, José Regueiro. Esta decisión provoca que a localidade quede sen esta prestación e sen o servizo de reforzo e apoio a rapaces con maiores dificultades de aprendizaxe que ofrecía dende hai tempo.

 

Por todo elo, José Regueiro, considera que se trata “de algo moi grave”, xa que o deber do Concello “é crear e manter servizos, non destruílos ou recortalos”. “Foi o alcalde o que mo dixo e non lle doeron prendas en facelo. Non entendemos como se pode renunciar a unhas dependencias tan necesarias e básicas coma estas, xa que a Biblioteca alberga ordenadores, conexión á Internet e é un punto de encontro de moitos veciños para facer consultas de todos tipo, incluso para o reforzo escolar”, defende o popular.

 

Xestión “desastrosa”

Estas instalacións municipais estiveron abertas ata decembro, pero dende este mes continúa pechada a causa da baixa maternal da bibliotecaria. A xestión do Concello está a ser tan deficitaria que as funcións desta profesional incluso ata foron desempeñadas un tempo pola traballadora que está na Oficina de Turismo, o que  supuxo, engade Regueiro, sobrecargar a esta última profesional.

 

“A xestión do goberno local está sendo máis que desastrosa. Este é un exemplo máis do que levamos dicindo durante meses e de que o PSOE ten á Fonsagrada sumida no caos. Non cubrir a praza da bibliotecaria é un auténtico despropósito”. Por este motivo, Regueiro pide ao rexedor que reconsidere a súa decisión, co fin de que os veciños “non quedemos sen este servizo”.