Partido Popular de Lugo

Tomé impediu debater no pleno da Deputación sobre a perda da sala do 091 na Comisaría de Lugo

A sesión plenaria celebrada esta mañá pola corporación provincial demostrou unha vez máis que o PSOE dá preferencia aos intereses de partido e do Goberno de Pedro Sánchez fronte aos intereses dos lucenses. Así se desprende do voto en contra das iniciativas populares e incluso a negativa a deixar debater unha moción por vía de urxencia para intentar salvar a sala do 091 da Comisaría de Policía de Lugo.

 

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis, e vémolo pleno tras pleno, o goberno bipartito da Deputación (PSOE-BNG) vota en contra, ponse de costas aos intereses de todos os lucenses”. Explica: “Dicimos isto porque votou en contra de dúas mocións do PP que eran relevantes para os nosos veciños: unha tiña por obxectivo manter o estatus no control do lobo, porque entendemos que era importante para os nosos gandeiros, para a vida no rural e na montaña; pedírono moitos  colectivos, entre eles sindicatos labregos, e non entendemos o vota en contra do PSOE e do BNG”.

 

Castiñeira sinala: “Tamén votaron en contra da elaboración e execución dun plan para a protección do patrimonio provincial. Fixérono a pesar dos últimos acontecementos, como o derribo da Casa da Botica de Guitiriz, e contradicíndose eles mesmos, porque en xaneiro do ano 2014 votaron a favor dese plan, se ben e certo que non fixeron absolutamente nada nestes sete anos”.

 

Con todo, para o portavoz popular “o máis grave e que non se deixara debater a moción para reclamar a permanencia da sala do 091 na Comisaría de Lugo”. A este respecto, Castiñeira indica: “Non é que o pida o PP, que o pide, senón a Federación Provincial de Asociacións de Veciños e o Sindicato Unificado de Policía. É algo necesario e no que a Deputación de Lugo se debería comprometer. Non entendemos como PSOE e BNG non deixaron nin debater este asunto e volvéronse poñer do lado dos intereses do Goberno para esquecer os intereses de todos os lucenses”.

 

Os populares esperan “que os lucenses nalgún momento saiban recriminarllo ao PSOE e ao BNG, porque son  temas importantes para Lugo e as nosas propostas foron rexeitadas por parte do goberno provincial”.