O grupo municipal do PP de Monforte faise eco das queixas dos veciños en relación con obras nunha praza e en dúas rúas. Os populares comparten as opinións veciñais que estiman que, nun caso, a reforma da praza resulta innecesaria, porque estaba en boas condicións, e con respecto aos traballos nas dúas rúas destacan que non inclúen aspectos moi relevantes para a necesaria mellora de infraestruturas.
A portavoz popular, Katy Varela, sinala que recentemente comezaron as obras na praza Doutor Goyanes e en dúas rúas nas inmediacións da praza: Abelardo Baanante e Armando Cotarelo. Varela explica: “Hoxe trasladámonos á zona para inspeccionar as obras e charlar cos veciños, que non se mostran moi contentos de que se invista diñeiro nos tempos que corren en remodelar unha praza que estaba practicamente nova”.
A portavoz popular, en canto ás dúas rúas citadas, sinala que “o PP non ve mal que se melloren dado que están no centro histórico da cidade”. Pero teme “que o goberno local careza dun plan global de actuación, un ben definido plan de intervención urbana na cidade e sinaladamente no casco histórico”.
Varela afea ao goberno municipal que na rúa Armando Cotarelo non se aproveiten as obras para o cambio de cableado eléctrico, “e o que é máis importante, para cambiar os tubos da auga”. Explica: “Monforte leva anos padecendo un deterioro grave e acelerado na infraestrutura do servizo de abastecemento da auga; lamentamos, por tanto, que o equipo de goberno non se preocupe de algo tan importante”. Lembra que “continuamente hai roturas de tubaxes que provocan inundacións; dende que Tomé chegou á alcaldía só arranxou rúas sen preocuparse do que estaba debaixo das calzadas e comprobamos que continúa igual”.