O PP defendeu semanas atrás na Deputación unha moción para o amaño de catro estradas provinciais no municipio de Carballedo. Os socialistas votaron en contra desta iniciativa. E agora o presidente, José Tomé, “vende” actuacións en estradas por pouco máis de 30.000 euros. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Con motivo da visita do señor Tomé a Carballedo, para presentar o remate das obras, valoradas en 34.000 euros nas estradas provinciais neste concello, o Partido Popular non ten máis que dicir que isto é absolutamente ridículo e vergonzoso, sobre todo ofensivo para todos os veciños de Carballedo e especialmente para os seis colectivos veciñais que pedían que se arranxaran a totalidade das vías provinciais neste concello”.
Castiñeira explica que “estas estradas, que unen o concello de norte a sur e cos municipios veciños, están en moi mal estado, porque levan moitos anos sen arranxar nin un só quilómetro”. Lembra que os colectivos veciñais “denunciaron publicamente o mal estado das vías e que “o Partido Popular foi a visitalos e viu o estado malísimo desas estradas: LU-P 1001, 1002, 1004 e 1010”. Son, indica o portavoz popular, “case 40 quilómetros que seguen en mal estado mentres vemos como o presidente Tomé rise de todos aqueles que solicitamos o arranxo desas estradas que son fundamentais para a vida no rural”.
Castiñeira declara: “O señor Tomé vende 400 metros de cuneta e o arranxo dun aparcadoiro que da acceso ao pantalán dos Peares que, dende hai varios anos, non ten o servicio de catamarán porque o retirou a Deputación de Lugo”. Para os populares esta forma de actuar do presidente da Deputación “é un absoluto despropósito”.
Castiñeira cre que a visita de Tomé resulta “ridícula e debe estar motivada para resarcirse de ter votado en contra dunha moción do PP na que defendía que se encargara un proxecto e unha inversión nas estradas de Carballedo”. Engade: “É ofensivo para todos os veciños e colectivos, que entendo seguirán demandando o arranxo de todas estas estradas provinciais”.