Partido Popular de Lugo

Os populares de Sarria trasládanlle a Elena Candia “os reiterados incumprimentos” do goberno local sobre os acordos plenarios

A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, mantivo este sábado unha reunión telemática co Grupo Municipal Popular de Sarria dando continuidade aos contactos de traballo que mantén periodicamente coas agrupacións locais. Neste caso, abordaron a situación actual da política local e a preocupación dos populares polo día a día da xestión municipal en Sarria.

 

O voceiro do PP no municipio, José Antonio García, critica a “actitude antidemocrática do señor Garrido que prexudica a Sarria e aos nosos veciños” en relación aos reiterados incumprimentos dos acordos plenarios por parte do goberno local.  A ese respecto, recentemente celebrábase un pleno extraordinario a petición do Grupo Municipal do PP para requirir ao goberno en minoría de Camiña Sarria – Galicia Sempre que cumpra coas decisións aprobadas pola corporación municipal. “Este requirimento contou con 10 votos a favor e 5 en contra. É dicir, o dobre de votos en contra do goberno en minoría de Sarria”, apunta.

 

Son un total de 14 os incumprimentos do goberno local nestes preto de dous anos de mandato os que a corporación lle volveu demandar a solicitude do Grupo Popular. Algúns dos acordos recollían: continuar a labor de arquiveiros municipais; construír a Ponte Ribeira con tódolos informes e autorizacións; arranxar e urbanizar a curva do mazadoiro; instalar cámaras de seguridade en determinados puntos da vila e cubrir catro prazas de Policía Local; crear unha comisión de investigación da compra da feculera ou crear un servizo público de reparto de alimentos a persoas e familias necesitadas. Así mesmo, o pleno ten acordo a creación dun plan de axudas económicas e bonos social, así coma o aprazamento, fraccionamento e condonación legal de impostos e taxas municipais con motivo da situación excepcional provocada pola pandemia da covid; e tamén o establecemento de medidas de apoio ao comercio local, a creación da ruta da desfeita e un proxecto para ampliar a mellorar a residencia municipal de maiores.

 

Na mesma liña das propostas anteriores que xa foran aprobadas en pleno, os populares incorporaron nesta proposta respaldada por un total de 10 concelleiros o acordo para non esixir as taxas do lixo, abastecemento, saneamento e depuración aos negocios e comercios pechados e afectados pola crise sanitaria e conceder unha subvención nominativa polo importe das festas do San Xoán á Residencia Municipal de Maiores para crear zonas illadas e comprar e facer acopio de material sanitario de protección.

 

Tamén aprobou a corporación recuperar as subvencións de 250.000 euros, ás que intencionadamente renunciou Garrido, para rehabilitar a Casa das Arsenias; preparar os protocolos para abrir a piscina climatizada cando a situación sanitaria o permita; recoñecer a responsabilidade do alcalde para que o Concello pagase menos de sanción sanitaria polo uso ilegal de máquinas de ozono; arranxar o abandonado patrimonio de Sarria (a Casa das Arsenias, o Muíño do Toleiro, o edificio do Chanto…) e, por cuarta vez en dous anos, aprobouse tamén arranxar e rematar a rúa Diego Pazos.

 

Importantes investimentos da Xunta: autovía, rehabilitación do Frei Luis de Granada e do centro de atención a persoas dependentes

Por outra banda, os populares destacaron que “a Xunta cumpre con Sarria” poñendo en valor “os investimentos en beneficio do noso municipio, os máis importantes dos últimos tempos”.

 

García sinala que marchan a bo ritmo as obras do desdobramento do corredor Nadela-Sarria no tramo entre Sarria e A Pobra de San Xiao no que a Xunta inviste preto de 25 millóns de euros. Tamén destaca as obras de rehabilitación integral que a administración autonómica está a acometer no CEIP Frei Luis de Granada cun investimento de 1,2 millóns de euros ou a rehabilitación do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade cunha achega de 450.000 euros.