Partido Popular de Lugo

O PP denuncia “o caciquismo na Fonsagrada” ao seleccionar “a dedo” as pistas municipais a arranxar

O voceiro do Partido Popular da Fonsagrada, José Luís Regueiro, denuncia “o caciquismo que reina no noso Concello” onde o goberno local “elixiu absolutamente a dedo” as pistas municipais a arranxar. O popular critica que “as propostas do goberno local non se ateñen a criterios obxectivos” e, polo tanto, “o Grupo Municipal Popular non entrará no xogo de seleccionar o arranxo de pistas atendendo a amiguismos”.

 

Regueiro defende “o reparto dos fondos para obras en base a criterios obxectivos” e,  polo tanto, critica que “as estradas municipais a mellorar foran seleccionadas polo BNG e o PSOE, o que demostra que A Fonsagrada está gobernada, na práctica, polo bipartito”. É dicir, “o BNG continúa a ser o apoio necesario do goberno local socialista a pesar de ter posto en dúbida a transparencia na xestión municipal”. 

 

En relación ao arranxo das pistas, o voceiro popular propón que “o goberno local estableza un sistema para recoller as propostas dos veciños sobre as necesidades das estradas municipais” para estudar cada caso e establecer prioridades para actuar na súa mellora atendendo a criterios obxectivos. “Non pode ser que o arreglo das estradas municipais se asocie a un partido ou outro. Dende o Grupo Municipal Popular o que queremos é que se atenda a tódalas necesidades na medida do posible”, expón. 

 

Moitas parroquias sen investimento para a mellora das súas vías

Regueiro sinala que “son moitas as estradas de titularidade municipal que están  deterioradas e que non foron incluídas para arranxar este ano e iso supón que en moitas parroquias non se vaia a investir na mellora das súas vías”. Os populares citan algúns exemplos como a estrada que comunica O Muradal con Pacios de Mourisco, a pista de San Pedro de Río a Redrollán, a estrada Lamas-Arroxo, o acceso a Coto de Lamas, Airexa de Piñeira ou a pista de Chaín e a que comunica Rieiro coa Pastoriza ou a da Tumbiadoira a Castro de Lamas. Algunha delas xa fora incluída na proposta do Grupo Popular para a comisión de obras do ano pasado.

 

Abandono do tecido económico local 

Os populares botan tamén en falta que “o goberno local non tivese en conta” a proposta recollida nunha moción do Grupo Municipal Popular sobre apoios aos autónomos, comerciantes, hostaleiros, gandeiros e outros sectores afectados pola crise derivada da situación epidemiolóxica provocada pola covid-19. Dende o Grupo do PP explican que “instabamos ao goberno local a incluír un plan de axudas con cargo ao Plan Único da Deputación Provincial se o Concello non dispoñía dos fondos necesarios”. 

 

Regueiro sinala que “o goberno local abandona ao noso tecido económico” demostrando “insensibilidade” cara aos negocios máis afectados polas medidas adoptadas para frear a pandemia do coronavirus. Nese sentido, insiste en que “outros Concellos xa estableceron plans de axudas e incluso algúns xa están cos segundos plans de medidas para paliar esta situación”.

 

Concretamente, a proposta popular recollía: axudas directas a empresarios, comerciantes, autónomos e gandeiros; achegas económicas e formación a emprendedores; concesión de axudas directas aos veciños para o impulso do comercio local; redución do pago a provedores do Concello; e investimento nas persoas e familias máis vulnerables e con poucos ingresos.