Partido Popular de Lugo

O PP di que o “alarde de demagoxia pura” da Deputación ao apartarse da Xunta no plan de rescate impedirá que a súa escasa aportación chegue a tempo para salvar algunhas empresas

O grupo provincial do PP ve plenamente confirmados os seus peores temores con respecto a aportación da Deputación de Lugo, presidida polo socialista José Tomé, ao plan de rescate da hostalería e da pequena empresa lucense. No mellor dos casos, a aportación da Deputación será escasa e chegará tarde e mal. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Despois de ver como a Xunta saca o seu segundo plan de rescate con 75 millóns, que se suman aos 86 xa concedidos no 2020, dende o grupo provincial do PP preguntámonos cando van saír as da Deputación de Lugo. Levamos meses pedíndoas; incluso foron descartadas en pleno dúas veces polo bipartito cando solicitamos un plan como mínimo similar o de Ourense, de 4 millóns de euros”.

 

Castiñeira declara: “A Deputación  de Lugo, nun alarde de demagoxia pura, preferiu permanecer á marxe novamente e apostar por facer ruído; optou polo enfrontamento coa Xunta de Galicia,  que, polo contrario, si se ofreceu para traballar conxuntamente, de forma solidaria, e aproveitar os recursos que ten para tramitar as axudas, que, como se demostrou, ofrecen a axilidade que demanda os empresarios”.

 

O portavoz popular explica: “Socialistas e nacionalistas prometeron algo menos do millón de euros, cantidade que entendemos é insuficiente;  máis grave aínda: podemos asegurar esas axudas van chegar moito máis tarde e con máis carga burocrática que as da Xunta. Cando Feijóo teña pagado o segundo plan de rescate, Tomé aínda  estará coas bases do primeiro, así de claro”. Para entón, “moitos hostaleiros e empresas lucenses, como puidemos apreciar estes días, xa non estarán a tempo de recibir as axudas da Deputación, que xunto co Estado son as administracións que menos comprometidas  están coa reactivación económica de Lugo”.

 

Os populares din que se o bipartito provincial aceptara  o ofrecemento da Xunta para sumarse a este novo plan conxunto, co que o clúster estaba de acordo,  para a semana que vén ese  escaso millón de euros que prometeu a señora Porto xa podería estar a disposición dos lucenses; co seu plan, pasarán meses.

 

Castiñeira cre que “a estratexia que Caballero marcou á Deputación e aos concellos nos que gobernan os socialistas é moi clara: enfrontamento coa Xunta de Galicia para esconder a súa nula xestión e falta de dilixencia, no que o goberno provincial lucense é o máximo exemplo”. Engade que “once meses de estado de alarma e cero euros en axudas directas á reactivación; o pouco que prometeu a Deputación vai chegar tarde e con máis burocracia”.