Partido Popular de Lugo

O PP propón que o Concello de Trabada leve a cabo a recollida dos plásticos agrícolas

O grupo municipal do PP de Trabada considera necesario que o Concello leve a cabo a recollida de plásticos agrícolas. Para elo, segundo explica o voceiro popular, José María Fernández Vázquez, “no pleno correspondente ao mes de marzo defenderemos unha proposta para que se habiliten un ou dous lugares en cada parroquia, dependendo da carga da actividade agraria en cada unha delas, nos que os gandeiros e gandeiras podan depositar os plásticos agrícolas e que o Concello se encargue de realizar a recollida de ditos residuos neses lugares habilitados a través da fórmula que considere máis axeitada”.

 

Os populares destacan que “a recollida de residuos trátase dunha competencia municipal como ven establecido no artigo 26.1.a da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local e, ademais, noutros concellos xa se está a facer unha recollida dos plásticos agrícolas a través de diversas fórmulas”.

 

Desde o grupo municipal do PP de Trabada “presentamos propostas en positivo e concretamos ideas en beneficio dos nosos veciños e gandeiros, fronte á propaganda do goberno municipal. Estamos nun concello pequeno e rural onde a nosa prioridade son os veciños e as súas necesidades, por iso ideas como esta facilitan o día a día e melloran a sustentabilidade do noso medioambiente e das nosas explotacións agrogandeiras”, conclúe o voceiro popular.