Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que Tomé non aceptara prorrogar o prazo para presentar proxectos ao Plan Único 2021, pese ás dificultades ás que se enfrontan os concellos

O bigoberno da Deputación ten tan asumido o valor das propostas do PP para a provincia que, por medo a perder pé no escenario político, ignora ou rexeita canta iniciativa leva o logotipo popular. O goberno presidido polo socialista José Tomé  está máis preocupado de intentar bloquear ao grupo provincial do PP que de traballar polos intereses da provincia. Só así se pode entender que non aceptara a proposta para ampliar o prazo para que os concellos presenten os proxectos para o Plan Único 2021. O portavoz popular, Javier Castiñeira, recorda que “o pasado primeiro de febreiro solicitamos que a Deputación ampliase ese prazo; fixémolo a petición de varios alcaldes, que entendían que  tres semanas de restricións, debidas á pandemia, dificultarían a tramitación, xa de por si ardua e complicada”. Engade Castiñeira que os populares, ademais, “faciamos alusión a que algúns concellos están en proceso de elaboración dos orzamentos municipais, o que fai aínda máis difícil tramitar a documentación do Plan Único; por todo elo, criamos  necesario a ampliación do prazo, como mínimo nos 15 días  que permite a lei”

 

Castiñeira sinala: “Chegado o remate do prazo, lamentamos o pouco caso que fixo o equipo de goberno da Deputación das reivindicacións dos  concellos, especialmente dos máis pequenos, que dispoñen de moitos menos medios para tramitar  este plan. O Plan Único supón para moitos deles máis do 50% dos seus investimentos e das posibilidades de atención ás necesidades anuais, que non poden abordar cos orzamentos municipais. Un mes de prazo  é moi xusto para elaborar os proxectos técnicos e reunir toda a documentación e permisos sectoriais”.

 

O portavoz popular explica: “Hai uns días interesámonos, chamando ao equipo de goberno, por ver se valorara a posibilidade da prórroga, pero non recibimos resposta da intención do bipartito; observamos moi pouca vontade. Pasados os días vemos que non se fixo nada e que non se tomou en consideración a petición dos alcaldes. Agora só queda esperar que todos os concellos poidan presentar a tempo os seus planes e non teñan  que desistir dalgún dos seus proxectos por falta de prazo”.

 

Para os populares, “o presidente demostra moi pouca capacidade de diálogo desde o primeiro minuto do seu goberno; rexeita de principio todas as propostas do PP simplemente por sectarismo político”. Castiñeira puntualiza: “E todo isto sumado ao continuo acoso nos plenos, saltándose incluso os dereitos que outorga aos deputados o Regulamento, como pasou na última sesión, na que deixou sen dúas quendas de réplica unha moción popular e mesmo o intento dende a presidencia de reducir o número de rogos cando non existe limitación neste sentido”. Remata instando “ao señor Tomé a que respecte á oposición e que non intente silenciala cos seus métodos do século pasado. O PP é o grupo maioritario da corporación provincial e debe ser tido en consideración, porque así o pide unha ampla maioría de lucenses”.