Partido Popular de Lugo

Os populares de Viveiro instan ao goberno local a abrir unha liña de axudas a autónomos e pequenas empresas, dotada con máis de 300.000 euros

Está comprobado que a máxima pola que se rexe o goberno municipal de Viveiro é a de que, pase o que pase, nin unha proposta do PP debe ser apoiada nas sesións plenarias. Grazas a tan sectaria maneira de proceder, os sectores produtivos de Viveiro viron, por exemplo, como o ano pasado quedaban sen usar case 200.000 euros dos 400.000 do fondo municipal para axudas a autónomos e pequenas empresas. E agora, cando máis apurados están, o Concello, por obra e graza do equipo de María Loureiro, está a punto de repetir os erros. Os concelleiros do goberno impediron que prosperase a moción que defendeu o PP no pleno do pasado martes, na que, entre outros cousas, se propoñía estudar unha rebaixa do IBI, instar ao Goberno central a abrir unha liña de axudas directas e, no que se refire ao Concello, a establecer un fondo de máis de 300.000 euros para autónomos e pequenas empresas, rexido por unhas bases que permitan un acceso fácil a esas axudas.

 

O portavoz popular, Óscar Rodríguez, explica que os máis de 300.000 euros municipais que propoñen para axudas a autónomos e pequenas empresas saen de sumar os case 200.000 euros que quedaron sen adxudicar o ano pasado ao 1% do orzamento do Concello para este ano. Rodríguez di que, ademais da consignación dos cartos, é fundamental que as bases polas que se rexan as axudas non repitan os erros das da pasada convocatoria, porque foron moitos os que non puideron optar a elas. O portavoz popular lamenta que os concellos e as deputacións non se sumaran á Xunta para a tramitación destas aportacións. Rodríguez di: “A Xunta, na primeira quenda de axudas, repartiu 86 millóns de euros en 90 días; na segunda, vai repartir 75 coa mesma eficacia, porque dispón dos recursos necesarios para facelo. Moito me temo que, no caso de Viveiro, cando se distribúan as axudas municipais moitas empresas xa non existirán”.

 

Por outro lado, Rodríguez cualifica de covardía política a negativa do goberno local, presidido pola socialista María Loureiro a negativa a apoiar a moción popular na que tamén propoñía instar ao Goberno central a abrir unha liña de axudas directas aos sectores produtivos. Na mesma moción, os populares solicitaban o apoio da corporación para reclamar do Goberno central a redución ao 4% do IVA turístico.