Partido Popular de Lugo

O PP de Guitiriz esixe “responsabilidades” ante a “aberración urbanística e patrimonial cometida na Casa da Botica”

O PP de Guitiriz lamenta, despois do que consideran “unha aberración urbanística cometida na Casa da Botica”, que “este edificio  emblemático protexido por Patrimonio -xa que estaba catalogado e aprobado no PXOM de Guitiriz co visto e prace da Xunta de Galicia- acabara nunha morea de pedras desfeitas, esnaquizadas e mesturadas unhas con outras como se fose unha escombreira por neglixencia da Deputación de Lugo e do propio Concello de Guitiriz, sobre todo, tendo a edificación ao carón da Casa do Concello e podéndoa ver a todas horas”.

 

“Dende que se comezou a arranxar o antigo edificio, e vendo o deterioro que estaba a sufrir e sen ningún tipo de protección”, o Grupo Municipal do PP de Guitiriz preguntoulle varias veces polas obras á alcaldesa que contestaba literalmente: “Iso non é cousa miña, diríxase vostede á Deputación e pregúntelles”. Así sucesivamente pleno tras pleno. “Nun deles ata se lle preguntou en que condicións estaba pois levaba moitos meses co tellado sacado e sen apuntalar as paredes da súa fachada. A resposta da señora alcaldesa foi a mesma: que iso non era cousa dela”.

 

“Dende que pasou esta aberración urbanística e patrimonial veulle agora a presa á Sra. Morandeira de pedir informes á Deputación, que é a máxima responsable, máis non a única, desta desfeita, cando antes non tiña interese ningún sobre dito antigo inmoble, xoia do patrimonio civil da vila de Guitiriz”, apuntan.