Partido Popular de Lugo

Daniel Vega insta ao goberno local a solicitar as axudas da Xunta para a mellora de camiños municipais de accesos a parcelas agrícolas

O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Daniel Vega, insta ao goberno local a solicitar as axudas para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas correspondentes ao Plan Marco 2021-2022 para o que a Xunta dirixe máis de 14,3 millóns de euros nas dúas anualidades, un 20% máis que na convocatoria anterior.

 

Vega sinala que “estas achegas da Xunta supoñen un reforzo económico aos orzamentos do Concello” e “farán posible o acondicionamento das vías de accesos ás fincas das parroquias do rural do noso municipio”.

 

O voceiro popular asegura que “dende o Grupo Municipal Popular mostrámonos colaboradores en todo o que teña que ver con dirixir investimentos para Ribadeo en beneficio do noso pobo e dos ribadenses”. Nese sentido, agarda que “o goberno local solicite esta axuda que faría posible a mellora das condicións de vida e de traballo na zona rural de Ribadeo”.

 

As axudas do Plan Marco teñen como obxectivo facilitar aos concellos a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso ás parcelas agrícolas. As actuacións a subvencionar son as que supoñen un incremento da largura da vía, un aumento da súa lonxitude, o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais; así coma o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

 

Anteriores convocatorias

A Xunta xa ten apoiado a mellora de accesos ás parroquias ribadenses nas pasadas convocatorias achegando para as anualidades 2020 e 2021 máis de 51.000 euros que supoñen o 82% do orzamento da reparación dos accesos aos núcleos de Saa, Somo e Marelle.