Partido Popular de Lugo

O PP esixe a rehabilitación da Casona do Incio, outro caso de abandono dun edificio da Deputación que reflicte a falta de interese de Tomé polo patrimonio provincial

Ou non fai nada ou, se o fai, o patrimonio provincial acaba polo chan, como ocorre coa Casa da Botica de Guitiriz. No Incio hai un deses casos que reflicten moi ben o desinterese do goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, con respecto á preservación do patrimonio provincial. Así o indica o portavoz do PP, Javier Castiñeira, que lembra que “a Casona do Incio é outro dos bens propiedade da Deputación que leva moitos anos á espera de súa recuperación e posta en valor”. Unha recuperación que “pediron innumerables veces os veciños da localidade e a propia corporación municipal, que ven como o goberno provincial incumpre reiteradamente as promesas electorais”. Os populares, agora que a Casona pasou de Suplusa á Deputación de Lugo, piden “novamente o compromiso do goberno provincial para que se arranxe canto antes e non se deixe caer como pasou coa Casa da Botica”. Recordan que a Deputación dispón de catro millóns de euros que deixou Suplusa, “polo tanto é o momento de acometer a rehabilitación da Casona”.

 

Castiñeira sinala: “O desprezo do bipartito provincial polos veciños do Incio chegou ao seu máximo nivel hai meses, cando o grupo provincial popular levou ao pleno unha pregunta para que o goberno se comprometera ao arranxo da Casona e o presidente acabou expulsando aos que se acercaron ao pazo de San Marcos para apoiar a iniciativa”. O portavoz popular destaca que “todo o que veña co selo do PP é rexeitado e ninguneado; chega a tanto o sectarismo do bipartito que cando os demandantes son veciños dun concello gobernado polo Partido Popular todo son desprezos, coma o do propio presidente aos veciños de O Incio, de Paradela e mesmo de Carballedo; polo contrario, cando nos visitan veciños de concellos gobernados pola esquerda, as atencións son totalmente diferentes”.

 

Castiñeira insta de novo ao arranxo da Casona, “ademais de reclamar ao presidente da Deputación un trato igualitario para todos os lucenses”.

 

O portavoz dos populares indica que “hai poucos días vimos como o goberno da Deputación deixou caer a Casa da Botica de Guitiriz por absoluta deixadez”. Considera que “neste caso tamén existe desafortunadamente unha serie de desprendementos e hai fendas nas fachadas que ameazan a estabilidade da emblemática construción”.

 

Castiñeira sinala: “A política de protección do patrimonio que leva a cabo Tomé esta sendo nefasta, xa non só por ser inxusta con moitos concellos, senón porque ademais se está escatimando na súa protección e arranxo”. Os populares reclaman do presidente da Deputación “un cambio drástico e decidido e que aposte por conservar e poñer en valor todos estas edificacións coa maior urxencia, para evitar máis casos como o acontecido en Guitiriz, que vai traer problemas graves ao goberno da Deputación, pode que incluso responsabilidades persoais, aumento de custos de obra e atraso na execución da mesma”.