Partido Popular de Lugo

Balseiro interésase no Parlamento galego pola mellora da rede de saneamento e a execución da nova depuradora de Burela

O deputado mariñán do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha pregunta urxente no Parlamento de Galicia interesándose pola situación na que se atopan as iniciativas, apoiadas pola Xunta, para a mellora da rede de saneamento e execución dunha nova depuradora en Burela. Balseiro quere coñecer as previsións que manexa o Goberno galego en relación con estes proxectos e que pasos se están dando todas as administracións implicadas (Xunta, Goberno do Estado e Concello) para facer realidade estas agardadas obras.

Segundo explica o parlamentario popular desde a administración autonómica se está a traballar para avanzar nas actuacións comprometidas pero lamenta que este ritmo estea a verse condicionado por cuestións alleas á propia administración autonómica, como por exemplo o tempo na resolución dos informes oportunos por parte doutros organismos e administracións implicadas, neste caso en concreto o departamento de Costas do Estado.

A Xunta comprometida: Dispón dunha partida orzamentaria concreta

Con todo Balseiro recorda que os orzamentos da Xunta para 2021 -que hoxe se publican- recollen unha partida orzamentaria concreta, de inmediata execución, na que se destinan 369.000 euros para finalizar a redacción do proxecto técnico da nova depuradora e resto de obras hidráulicas pendentes.

A Xunta está a colaborar co Concello de Burela na mellora do seu sistema de depuración para que o concello poida dispoñer dunha depuradora adaptada ao cumprimento da Directiva 91/271/CEE, sobre tratamento das augas residuais. Ao longo dos últimos anos o proxecto sufriu variacións relevantes, por exemplo, a que implicou o cambio de emprazamento da futura depuradora.

Saneamento e abastecemento: competencias municipais apoiadas só pola Xunta de Galicia

O deputado popular aclara que, a pesar de que a normativa vixente en materia de réxime local establece, sen espazo para a dúbida, que os concellos teñen a competencia exclusiva en materia de abastecemento e saneamento e a pesar tamén de que conforme a esta mesma normativa as deputacións provinciais teñen entre as súas obrigas prestar apoio ás entidades municipais nas súas competencias, está a ser fundamentalmente a Xunta de Galicia quen vén prestando apoio aos concellos nesa materia, axudándoos técnica e financeiramente a desenvolver de xeito máis eficaz e eficiente estas competencias.

Desde o PP insisten na necesidade de que todas as administracións adquiran un compromiso firme, como ten feito a Xunta, para que estas obras poidan saír adiante.