Partido Popular de Lugo

Os deputados lucenses do PP advirten de que “as obras das variantes da liña do ferrocarril entre Lugo e Ourense seguen sen data”

Os deputados populares no Congreso pola provincia de Lugo, Joaquín García Díez e Jaime De Olano, advirten de que “aínda seguen sen data as obras das variantes de Oural e Os Peares, que son as máis importantes en relación á modernización e electrificación da liña do ferrocarril entre Lugo e Ourense porque permitirían a redución de tempos entre Lugo e Ourense e a posterior conexión da nosa provincia coa alta velocidade”.

 

Así se desprende da resposta do Goberno ás preguntas formuladas por García Díez fai 12 meses e que “non pode ser máis decepcionante” porque “as obras destas variantes aínda están na fase de estudo informativo”. Polo tanto, o Executivo central recoñece que non avanzou absolutamente nada nos últimos anos, é dicir, dende que gobernaba o Partido Popular que deixara xa os proxectos en marcha coas correspondentes dotacións orzamentarias e un cronograma que permitía un horizonte razoable”.

 

Esta resposta vén a confirmar as críticas dos populares nas que advertían de que a nosa provincia seguiría moitos anos lonxe da redución de tempos entre Lugo e Ourense e da conexión coa alta velocidade “da que non dispoñemos en Lugo a día de hoxe. O popular cre que “a falta dunha data e dun horizonte concreto, non nos permite ser optimistas”.

 

Un ano para responder a unha pregunta dos deputados do PP de Lugo

Os deputados critican que o Goberno de Pedro Sánchez tarde doce meses en ofrecer unha contestación a unha pregunta formulada polos deputados do PP “que se podería dar en 10 días”. Os populares aseguran que “isto demostra unha falta de respecto cara aos deputados do Partido Popular e o traballo que realizamos na defensa dos intereses de tódolos lucenses”.

 

Nulas ou ínfimas dotacións para a A-56

Os deputados lucenses do PP seguen moi de preto a conexión da provincia de Lugo coa de Ourense. De feito, fai poucos días demandaban xunto aos deputados ourensáns que o Goberno central dedicase á autovía A-56 as cantidades consignadas nos Presupostos Xerais do Estado do 2018 elaborados polo Goberno de Mariano Rajoy.

 

Trala posta en servizo do tramo entre A Barrela (Carballedo) e San Martiño (Vilamarín), o futuro desta autovía é “preocupante” tendo en conta a situación na que se atopan o resto dos tramos debido ás nulas ou ínfimas dotacións que o Goberno socialista incluíu na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 á que os deputados do PP presentaran emendas no seu trámite parlamentario para elevar as dotacións para os distintos tramos da vía que foron rexeitadas.