O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Daniel Vega, lamenta que “os orzamentos para 2021 aprobados polo BNG non pensan en combater a crise derivada da pandemia da covid-19”. É máis, “nestes momentos reducen a inversión en Ribadeo” e “dan as costas á reactivación económica de Ribadeo porque non concretan ningunha partida para dotar ao Concello dun plan de reactivación económica como propuxemos ata en tres ocasións dende o Grupo Municipal Popular e ao que o BNG sempre dixo non”.
As contas para o 2021 en Ribadeo ascenden a 9,8 millóns de euros dos que 1,5 se destinan a inversión; pero, destes, o Concello aportará “única e exclusivamente 60.000 euros porque o resto son achegadas doutras administracións”, aclara. Por outra banda, denuncia que “falta por concretar unha partida para o asilo”.
Vega critica tamén que “o goberno local segue na mesma liña que o ano pasado: pedir créditos e deixar sen investir. No 2020 pediu un crédito de 550.000 euros e deixou sen investir 335.000 euros. E para o 2021, pide outro crédito de 610.000 euros que non sabemos onde se vai investir porque a súa resposta foi o silencio”.
Así, de cara ao 2022 “o Concello terá unha carga financeira de 1,6 millóns de euros”. Esta débeda acredita que “o goberno local do BNG non é un bo xestor”.
Orzamentos sen consenso e que non se axustan á realidade
“O goberno do BNG parece permanecer alleo á realidade e non escoita o que pasa nestes momentos”, di Daniel Vega. Trátase duns orzamentos “pésimos” segundo o voceiro do Grupo Municipal Popular porque “non pensan nas familias máis vulnerables, nin no tecido económico local”. Tampouco eliminan taxas e impostos municipais temporalmente, engade. Critica Vega que “o goberno local pense que cun incremento de 30.000 euros vai solucionar os problemas das familias máis vulnerables e que peor o están pasando”.
O popular defende tamén que, “nestes momentos de gran crise, os orzamentos deberan ser consensuados cos distintos grupos da Corporación municipal e co tecido económico do municipio” e, nesa liña, é na que o Grupo Municipal Popular se compromete a seguir traballando.
Outros puntos da orde do día
O Grupo Municipal Popular interesouse durante a sesión plenaria por distintos asuntos de interese para os veciños e veciñas. Así, Daniel Vega preguntou ao goberno local polo número de xuízos perdidos e “o diñeiro que terán que pagar tódolos ribadenses” e tal e como tiña avanzado, a concelleira Elena Sierra demandou un protocolo de desinfección ante a covid-19 de parques, rúas e puntos concorridos de Ribadeo. A edil preguntaba polo horario e a periodicidade dos traballos de limpeza e desinfección, pero como resposta só recibiu “divagacións” polo que continúa sen coñecer se elixe o operario correspondente ou se, pola contra, existe unha planificación que a popular continúa a poñer en dúbida.
O Grupo Municipal Popular tamén se interesou por coñecer cal é a empresa que xestiona actualmente a residencia de maiores de Ribadeo e, por outra banda, conseguiu que as axudas municipais para a conciliación da vida laboral e familiar se dirixan ás familias e non discriminen por centros. “Presentamos dúas veces alegacións para mellorar a redacción da ordenanza reguladora para que permitise beneficiarse ás familias que precisen empregar as ludotecas ou os programas de calquera dos centros educativos do municipio para conciliar”.
Así mesmo, os populares apoiaron a solicitude dunha axuda ao IDAE para a renovación das instalacións de iluminación. Nese sentido, a concelleira Begoña Sanjurjo lembroulle ao alcalde as deficiencias na iluminación tanto no casco urbano coma nas parroquias do rural que considera que “teñen que ser subsanadas con subvención ou sen ela”. Nese sentido, lembrou por exemplo a situación da parroquia de Couxela que leva un atraso considerable na dotación dun alumeado público de calidade”.
Tamén recibiu o apoio do Grupo Municipal Popular un proxecto de mellora medioambiental para emprender na costa do municipio de Ribadeo.