O bigoberno provincial, presidido polo socialista José Tomé, persiste na súa negativa a deseñar e aplicar o plan de reactivación da economía provincial, proposto polo PP. Socialistas e nacionalistas rexeitaron a emenda defendida polos populares, por boca de José Antonio García, para mellorar a proposta do goberno na que se limitaba a pedir recursos á Xunta.
O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, ao finalizar a sesión plenaria sinalou: “A valoración que fai o grupo provincial do PP deste pleno é moi similar a outros anteriores. Volvemos ver que o goberno da Deputación dá as costas aos intereses de todos os lucenses. Demos unha nova oportunidade para que a Deputación de Lugo se unira a ese fondo de reactivación para o tecido económico e volven a opoñerse, rexeitando a emenda do PP, igual que fixo en xuño, para que a Deputación deseñe e execute un plan de reactivación, por importe de catro millóns, e acompañe á Xunta e a outras administracións na tarefa de velar polos intereses da economía lucense”.
Castiñeira tamén sinalou: “Chámanos poderosamente a atención que tamén se poñan de costas aos veciños de Carballedo, onde varias asociacións pediron o arranxo de varias estradas e o goberno da Deputación vota en contra desa petición veciñal. Imos seguir traballando nese sentido; non entendemos porque non hai intención de mellorar esas estradas, pese a que Carballedo leva moitos anos abandonado da man da Deputación. Non se pode falar do rural e dicir que se cre no rural e, ao mesmo tempo, ter as estradas no estado lamentable en que as ten a Deputación. Sorprendidos especialmente polo BNG que, parece ser, algúns días antes propuxo aos veciños buscar solucións”.
No apartado de preguntas, os populares interesáronse por coñecer se o presidente da Deputación tomou a decisión de anular os convenios que tiña asinados a extinta Suplusa cos concellos da provincia, para a creación de solo industrial e centros de atención a maiores. Esta cuestión expúxoa o deputado José Antonio García, que sacou en conclusión que, efectivamente, o goberno dá por caducados eses acordos. García tamén formulou unha pregunta para coñecer se se está estudando polo goberno provincial a posibilidade de subrogar na Deputación aos traballadores da extinta Suplusa que estaban dedicados ao mantemento das zonas verdes provinciais, e que agora están en Tragsa; os populares querían coñecer se o goberno rectificaría a decisión tomada no seu día e criticada polos populares, e, finalmente, incorporará a eses traballadores ao cadro de persoal da Deputación. A resposta do goberno non aclarou nada, pero deu a entender que non haberá cambios.
Os populares expuxeron varios rogos ao goberno provincial. Por un lado, Óscar Poy solicitou que a Deputación adopte as medidas necesarias para acometer unha reforma en profundidade das instalacións da Escola Lucense de Piragüismo, que se no seu momento probablemente reunían boas condicións a día de hoxe precisan unha adaptación aos tempos actuais.
Polo seu lado, José Antonio García solicitou que en Sarria se leve a cabo o repintado da sinalización horizontal da rúa José Antonio, que é parte da estrada provincial LU-P-5714 Mazadoiro (LU-546) Lamarrigueira (LU-546); a este respecto, parece que a Deputación ten previsto executar esa obra.
A súa vez, o portavoz popular, Javier Castiñeira, solicitou a mellora das estradas provinciais LU-P 6103 e LU-P 6104 que, respectivamente, comunican Trabada con San Cosme de Barreiros e coa parroquia de Sante e, finalmente, con San Tirso de Abres (Asturias). Nos dous casos, o deterioro do firme crea problemas para a seguridade vial, especialmente na LU-P 6103. Na outra estrada o risco para o tráfico é aínda maior, pois nalgún punto, como ocorre a altura de Xuga, prodúcense afundimentos do pavimento.
Mocións do PP
Dentro da orde do día quedou aprobada, co apoio dos votos do BNG, a iniciativa dos populares para instar ao Goberno central a corrixir os artigos do proxecto da Lei de Cambio Climático que penalizan as concesións e para que acepte as alegacións do sector mar-industria. O voceiro, Javier Castiñeira, subliñou que se trata dunha norma que foi deseñada “sen consenso e de costas ao sector”. Concretamente, o popular sinalou a importancia de que se eliminase o artigo 18, xa que “están en xogo centros de postos de traballo e moitos millóns de inversión”, ao afectar ás piscifactorías e ás depuradoras da Mariña.
Castiñeira considera que continuar coa tramitación dunha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética xerará graves problemas de seguridade xurídica e viabilidade nas inversións a medio e largo prazo, o que agravará, aínda máis se cabe, as consecuencias que está padecer a provincia coa xestión do mesmo Ministerio que impulsa esta normativa, e que afectan a Alcoa.