Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca a inversión de preto de 40.000 euros da Xunta para a rehabilitación e reforma interior da praza de abastos de Ribadeo

O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca a inversión da Xunta de preto de 40.000 euros para a rehabilitación e reforma interior da praza de abastos de Ribadeo. Trátase dunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que ten como obxectivo a mellora dos mercados de proximidade e as súas infraestruturas.

 

A intervención permitirá mellorar a comodidade, accesibilidade e seguridade dos praceiros e usuarios da praza de abastos; así coma a eficiencia enerxética. Vega explica que “as actuacións previstas inclúen a mellora do pavimento, a adecuación da iluminación interior, a mellora dos aseos, desaugadoiros, rede de saneamento e da sinalización no interior da praza de abastos”.

 

O popular incide no apoio da Xunta que “permite mellorar instalacións municipais de Ribadeo e, concretamente, dálle un impulso á praza de abastos”. Ademais, engade que “seguiremos colaborando directamente cos praceiros”, apoiando os nosos produtos de proximidade e tamén “mellorando pasiño a pasiño a nosa praza de abastos, un espazo emblemático para Ribadeo”.